[16-05-2017] O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizan este mércores, 17 de maio, a proba de supercross “Gran Premio Concello de Ames-Dagan Cup Supercross 2017”, que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda. Nesta proba participarán arredor de 70 pilotos de supercross de toda Galicia. Trátase da primeira proba que se celebra este ano dentro da Dagan Cup. Pola mañá realizaranse as verificacións técnicas e administrativas, así como os adestramentos. Pola tarde, ás 16:00 horas, dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría.
A Dagan Cup é a única competición de supercross que se organiza en Galicia actualmente. Trátase dun evento non oficial, interprovincial e non federado, de acordo coa actual normativa galega de deportes, e na que se dan cita os mellores pilotos galegos desta modalidade deportiva xa que actualmente non existe outra proba federada de supercross.
Este mércores, 17 de maio, a partir das 16:00 horas, Ames acollerá a primeira proba da Dagan Cup 2017. Esta proba desenvolverase no circuíto SX “Alex de Moure”, ao cal se lle realizaron unhas pequenas modificacións no trazado respecto á edición anterior. Este recinto de máis de 17.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.
Nesta proba participarán uns 70 pilotos de toda Galicia, que estarán divididos en sete categorías diferentes: elite; veteranos; promoción; 85 cc; alevín de menos de 8 anos e alevín de máis de 8 anos; féminas; e hobby que son os que se inician neste deporte.
Pola mañá, entre as 9:00 e as 11:00 horas, desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, a partir das 11:15 horas, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 16:00 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.




