[02-05-2017] O Concello de Ames volve a participar no programa "Cultura no Camiño" grazas ao cal durante o mes de xuño o Pazo da Peregrina acollerá o proxecto multidisciplinar Arte´n rúa e no mes de xullo haberá dous concertos a cargo dos grupos Treixadura e Guadi Galego no Milladoiro e Bertamiráns, respectivamente. Esta iniciativa busca espallar e descentralizar a programación cultural estival, á vez que dinamiza culturalmente os concellos polos que discorre algunha ruta xacobea.
O programa "Cultura no Camiño" leva cada verán espectáculos de novo circo, música, maxia, danza ou teatro a concellos polos que discorre algunha das rutas xacobeas. Dous deses camiños cruzan o territorio amesán: o Portugués e a ruta que une Santiago de Compostela con Fisterra e Muxía. Este ano peregrinos e peregrinas que cheguen ao municipio en verán, o mes con maior número de camiñantes, poderán unirse á veciñanza no goce destes eventos culturais.
O concelleiro de Educación e Cultura David Santomil, explica que "este ano Ames acollerá a estrea do novo proxecto multidisciplinar, Arte´n rúa, que está dirixido ao público familiar e que inclúe obradoiros de graffiti, beatbox, e a participación estelar do mago Xacobe, Os tres Tenedores e A Gramola Gominola. Ademais, durante o mes de xullo no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro, e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, celebraranse dous concertos a cargos dos grupos Treixadura e Guadi Galego”.
O sábado, 17 de xuño, o Pazo da Peregrina acolle o proxecto de nova creación: Arte´n rúa. Trátase dun espectáculo dinámico, divertido, sorprendente e cheo de ritmo, con hip hop, ragga, rock e moito máis. Unha cita imperdible para pasalo ben en familia. A partir das 12:00 horas haberá obradoiros de graffiti, beatbox, etc. Ademais, pola tarde, a partir das 17:00 horas, actuará o mago Xacobe e haberá concertos a cargo do grupo de música infantil A Gramola Gominola e do trío musical Os Tres Tenedores.
Concertos no Milladoiro e Bertamiráns
Durante o mes de xullo haberá dous concertos. O venres 7, ás 22:00 horas, actuará o grupo Treixadura no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro, onde presentará o seu novo traballo Treixadura, 25 anos. Vendima tarda. Esta agrupación galega celebra o seu 25 aniversario de traxectoria artística cun novo disco que resume a súa extensa carreira e inclúe algunhas pezas inéditas.
Por último, o venres 14 de xullo, no Pazo da Peregrina, ás 22:00 horas, o grupo Guadi Galego presentará o seu novo disco O mundo está parado. Coa colaboración de músicos como Abe Rábade, Santi Cribeiro, Anxo Pintos ou Karlos Abal entre outros este novo traballo está cheo da sensibilidade, intensidade e calidade que Guadi Galego persigue sempre nos seus discos.
A quinta edición do programa "Cultura no Camiño" desenvolverase en 98 concellos situados nas rutas xacobeas ata o 30 de setembro. Deste xeito, realizaranse un total de 371 actuacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo a cargo de 189 formacións artísticas galegas. Unha forma de descentralizar a programación cultural nos meses de verán e de contribuír á dinamización cultural das localidades polas que pasan as rutas xacobeas.




