Solapas principales

O goberno de Ames volve a reducir o período medio de pago a 5,55 días

Sábado, 29 de abril de 2017

[29-04-2017] A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, deu conta no pleno ordinario do xoves, 27 de abril, da información periódica trimestral do primeiro trimestre do ano 2017, no que continúa esa rebaixa no período medio de pago ata acadar os 5,55 días. O goberno municipal xa conseguira reducir a 14,77 días o período medio de pago a provedores no cuarto trimestre de 2016, pero durante o primeiro trimestre deste ano aínda se continuou baixando grazas ao traballo do persoal do departamento municipal de Intervención.

Genma Otero indicou “recordamos que nos atopamos cun período medio de pago de 82,65 días no 3º trimestre do ano 2015 coa nosa entrada, con moitas facturas de importante contía sen pagar, ou cun atraso grande na súa tramitación. Desde o departamento económico establecéronse medidas para axilizar a xestión e a tramitación de ditas facturas. Como consecuencia destas medidas e de xeito paulatino esta ratio foi rebaixándose a 55,55 días (1º trimestre 16), 40,20 días (2º trimestre 16), 30,72 días (3º trimestre 16), 14,77 días (4º trimestre 16), ata chegar a cifra actual de 5,55 días no primeiro trimestre do ano 2017”.

En resumo, reduciuse en 77,12 días (un 93,29%) o período medio de pago a provedores no Concello de Ames situándose en 5,55 días, moi por debaixo do período legalmente establecido de 30 días. Esta redución adquire maior importancia se se ten en conta que o goberno incrementou a prestación dos seus servizos e o Concello de Ames ten que atender, a día de hoxe, a un grande volume de xestión, tramitando preto de 7.000 facturas ao ano.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, manifesta “volvemos a amosar que no noso Concello seguimos a dar mostras de traballo, compromiso e responsabilidade á hora de xestionar os recursos públicos atendendo as nosas obrigas de pagamento, á vez que esixindo e comprobando que a prestación de servizos por parte dos provedores e empresas sexa correcta e de calidade. Os meus agradecementos novamente as traballadoras/es do departamento económico , polo seu esforzo e traballo diario”.