Solapas principales

O alumnado do obradoiro de emprego RenovAmes-Brión repara os paneis solares térmicos do pavillón polideportivo de Bertamiráns

Martes, 28 de febrero de 2017

[28-02-2017] Os 15 alumnos-traballadores, xunto co persoal docente, do obradoiro de emprego RenovAmes-Brión estiveron esta semana reparando e acondicionando os seis paneis solares térmicos que están instalados no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Os traballos realizados consistiron en reconectar os devanditos paneis e instalar un sistema que evita as subidas de temperatura durante a época estival. A través destes paneis solares subministrase de auga quente aos vestiarios desta instalación deportiva. A través deste obradoiro realizáronse traballos de montaxe e mantemento de equipamentos térmicos de biomasa en varias instalacións municipais de Ames e Brión.

O obradoiro RenovAmes-Brión, que está a piques de rematar, conta con 15 alumnos/as traballadores/as e 4 persoas que forman o persoal de dirección, docente e administrativo. A través deste obradoiro realizáronse traballos de montaxe e mantemento de equipamentos térmicos de biomasa en varias instalacións municipais de Ames e Brión. Este obradoiro enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos de baixa cualificación. Deste xeito, a maioría dos mozos/as que participan nesta iniciativa é o primeiro contrato laboral que teñen.

No concello de Ames instaláronse estufas de pellets nos locais sociais de Piñeiro e Augapesada, mentres que na escola unitaria da Tarroeira (Ortoño) instalouse unha caldeira de pellets, que substitúe á de gasoil, e no local social de Biduído colocouse unha hidroestufa con radiadores. No concello de Brión instalouse unha estufa de pellets no local social dos Ánxeles e no local da banda de musica municipal. Neste caso tamén se levaron a cabo actuacións de mellora da eficiencia enerxética na Escola de Música e na Biblioteca municipal.

Por outra banda, os traballos de mantemento executáronse na instalación solar térmica do pavillón polideportivo de Bertamiráns; no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames; nas escolas unitarias de Bastavales, Os Ánxeles e Luaña; no centro social polivalente de Brión; e no centro medico de Brión. Deste xeito, ao longo desta semana reparáronse e acondicionáronse os seis panais solares térmicos, que están instalados no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Os traballos realizados consistiron en reconectar os devanditos paneis e instalar un sistema que evita as subidas de temperatura durante o verán.

Os devanditos paneis solares foron instalados no ano 2010 a través doutro obradoiro de emprego denominado Ames Solar, pero necesitaban dun proceso de acondicionamento para melloras as súas prestacións. A instalación de paneis conta cunha batería con seis captadores solares e un intercumulador solar que presta unha cobertura enerxética do 65%. Esta instalación produce 7.454 kWh/ano e permite un aforro económico de 1.125 euros ao ano. Ademais permite que non se desprendan 2.907 kg de dióxido de carbono ao ano.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El alumnado del obradoiro de Ames y Brión repara los paneles solares del pabellón de Bertamiráns"