Solapas principales

Nas comisións informativas previas ao pleno de febreiro abordáronse os proxectos que se incluirán no POS+ 2017 da Deputación da Coruña

Martes, 21 de febrero de 2017

[21-02-2017] O Concello de Ames celebrou este pasado luns, 20 de febreiro, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de febreiro. Nestas comisións informativas tratáronse os proxectos que se van a incluír no plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ 2017 da Deputación provincial da Coruña. Ademais, abordáronse cinco propostas presentadas polos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo, Pacto x Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López.

O pasado 29 de novembro de 2016 publicouse no BOP a aprobación das bases reguladoras do plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ 2017 da Deputación provincial da Coruña. A cantidade que lle corresponde ao Concello de Ames ascende a 1.560.387,54 euros, que se distribúe do seguinte xeito: a achega provincial de 2017 é de 685.305,34 euros (antigo Plan de Obras e Servizos); a achega provincial de 2016 é de 421.726,36 euros (antigo Plan de Acción Social); e a achega correspondente ao préstamo provincial de 2017 é de 453.355,84 euros (antigo Plan de Aforro e Investimento).

O POS+ 2017 inclúe importantes novidades en relación cos plans dos anos anteriores. Primeiro reduce o número de plans destinados a colaborar cos concellos, integrando no POS+ 2017, o tradicional POS, outros plans especiais financiados con cargo ao superávit (PAS) e o plan destinado a concederlles préstamos aos concellos para a redución da débeda pública ou realizar investimento financeiramente sostibles (PAI). En segundo lugar, suprímense as liñas de subvencións destinadas fundamentalmente a actividades e investimentos culturais, deportivos de turismo ou e promoción económica, entre outras, e os seus créditos pasan a sumarse á achega provincial a este plan, co que se pretende simplificar as tarefas administrativas dos concellos na realización de trámites.

Atendendo á nova estrutura do plan provincial o goberno municipal propón tres liñas de actuación. A achega provincial de 2017 (685.305,34 euros) destinarase a gasto corrente por un importe de 670.785,34 euros, para gastos orixinados por servizos municipais obrigatorios como son o servizo de limpeza, recollida domiciliaria de lixo, alumeado público e mantemento de infraestruturas. Desta forma, preténdese cubrir a través de fondos propios aquelas liñas de subvención, que ano 2016 ascenderon a 140.003,70 euros, e que desaparecen deste plan. O resto da achega provincial de 2017, que é 14.520 euros, destinarase á redacción do proxecto de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro.

Coa aplicación da achega provincial 2017 ao gasto corrente, o Concello poderá dispor de fondos propios para a realización de diversas obras. Con esta partida o goberno municipal pretende realizar varios proxectos de investimento no rural, mellora das infraestruturas deportivas e actuacións en Bertamiráns. Isto permitirá acelerar os prazos de contratación de ditos proxectos. O Concello de Ames será o encargado de licitar estas obras, acelerando os procesos de contratación, co obxectivo de que poidan estar executadas antes de final de 2017.

Urbanización dunha parte da Travesía do Porto
A achega provincial de 2016 (421.726,36 euros) será destinada a dúas obras, que son financeiramente sostibles, como o proxecto de urbanización dunha parte da Travesía do Porto, no Milladoiro. O obxectivo do goberno municipal é abrir o parque central do Milladoiro (que está pegado á Casa da Cultura, ao pavillón, á piscina descuberta e ao instituto) e unilo á Travesía do Porto para formar unha gran zona verde e área de lecer para todos os veciños e veciñas desta localidade. Este parque contará cunha escaleiras e unha rampla accesible como accesos a propia Travesía do Porto. A esta obra destinaranse 389.408,41 euros. O importe restante, que ascende á contía de 32.317,95 euros, destinarase á pavimentación de viarios na aldea de Caroubáns, pertencente á parroquia de Covas.

Por último, a achega do préstamo provincial de 2017 (453.355,84 euros) destinarase á amortización anticipada de débeda por importe de 96.517,92 euros, atendendo aos importes mínimos fixados no plan, e á realización do proxecto de mellora de eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro por un importe de 356.837,92 euros. Neste caso o goberno municipal, ao igual que en 2016 aposta por obras e proxectos que teñan un retorno económico para as arcas municipais como é o caso das obras de acondicionamento do cemiterio municipal, e este ano decidiu facer un forte investimento a través deste plan para cambiar o alumeado público do Milladoiro que suporá un aforro de entre o 50 e o 60%.

Plan complementario
En canto ao plan complementario, como novidade no POS+ 2017, é obrigatorio solicitar investimentos financeiramente sostibles por un importe mínimo do 20% da suma dos tres tipos de achegas provinciais. Tendo en conta isto o goberno propón a realización das seguintes obras que supoñen un 20,73% da suma dos tres tipos de achegas: instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo do Milladoiro (74.864,54 euros); pavimentación de viarios na aldea de Outeiro, en Bugallido (55.340,51 euros); mellora da accesibilidade na rúa Agro do Medio, no Milladoiro (126.144,74 euros); e mellora do camiño principal de Sandar, en Agrón (67.098,44 euros).

Propostas presentadas polos grupos municipais da oposición
Nas comisións informativas deste luns tamén se trataron cinco propostas presentadas polos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo, Pacto x Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López.

O grupo municipal popular presentou dúas propostas. A primeira para que o goberno da Deputación da Coruña garanta que o Concello de Ames percibirá, como mínimo, a través do novo Plan Único, os mesmo fondos que recibía coas liñas de subvencións que existían con anterioridade. Na segunda proposta instan á Deputación da Coruña a promover e licitar durante o presente exercicio unha senda peonil que descorra paralelamente a estrada DP-0206 nos tramos nos que non dispón de beirarrúa, prestando especial atención aos existentes dende a aldea de A Grela ata o cruce da rúa Madalena coa Travesía do Porto, no Milladoiro. Ademais, solicítanlle a Deputación que instale pasos de peóns elevados, ou outro dispositivo de redución de velocidade dos vehículos, no devandito tramo da estrada DP-0206.

Dende o grupo municipal de Ames Novo presentaron unha proposta para que a corporación municipal apoie a mobilización convocada polas Marchas da Dignidade prevista para o próximo 25 de febreiro na Coruña e fai un chamamento aos veciños e veciñas de Ames para que participen na mesma.

O grupo municipal de Pacto x Ames tamén presentou unha proposta. Neste caso instan ao organismo autonómico competente para que faga unha actuación urxente na conca do paseo fluvial de Bertamiráns co fin de recuperar a zona. Asemade, solicita que se fagan as actuacións necesarias para a recuperación de dito paseo fluvial e o seu ecosistema, e que se realice un plan de actuación no entorno do paso fluvial para reparar os elementos externos como papeleiras, bancos, muros de contención, fontes, etc.

Por último, o concelleiro non adscrito, Javier López, presentou unha proposta sobre a seguridade viaria na que Stop Accidentes propón para este ano 2017 unha serie de medidas urxentes e necesarias para loitar contra a violencia viaria dende os concellos. Ditas medidas son a realización de auditorías de construción, mantemento e sinalización de estradas; deseño de estradas (preventivas e paliativas); incrementar a seguridade dos colectivos vulnerables; educación viaria nos colexios; avaliación dos plans estratéxicos de seguridade viaria; incentivar o uso do transporte publico; establecer un límete de velocidade a 30KM/h diante dos centros escolares e residencias; crear rúas peonís e impulsar o uso da bicicleta; e impulsar o camiño escolar.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El plan provincial asigna 1,56 millones para obras"
El Correo Gallego: "El tripartito propone un parque en Milladoiro con la Diputación"