[24-11-2016] O Concello de Ames vén de aprobar este xoves, 24 de novembro, en Xunta de Goberno Local a contratación do novo servizo de lacería, canceira, recollida e incineración de cadáveres de animais abandonados que contempla o non sacrificio dos animais e a aposta pola súa adopción. A duración inicial do contrato será de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos. A empresa adxudicataria destinará un número de teléfono operativo as 24 horas ao que se chamará para avisar dos servizos necesarios. No caso de que os animais recollidos non teñan propietario, unha vez pasados os 20 días establecidos na lexislación vixente, poderá ser dado en adopción.
O goberno municipal aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, 24 de novembro, o inicio de expediente da nova licitación do servizo de lacería, canceira, recollida e tratamento de cadáveres de animais abandonados no concello de Ames que contempla o non sacrificio dos animais. O obxecto desta contratación é a prestación deste servizo cunha orientación totalmente diferente ao que se estaba a dar, eliminando o sacrificio dos animais e apostando por establecer un sistema complementario de adopción con campañas de sensibilización.
O servizo incluirá o servizo de lacería e custodia-canceira de animais abandonados/perdidos de forma ininterrompida as 24 horas do día, durante todos os días que dure o contrato, incluídos sábados, domingos e festivos; a retirada de cadáveres e transporte á planta de tratamento autorizada para a súa incineración; e un sistema de adopción dos animais non reclamados polo seu dono.
O Concello de Ames tiña un contrato asinado o 6 de outubro de 2014 coa empresa Servicios Galegos de Lacería, SL, que contaba cunha duración de dous anos prorrogables 1+1. O pasado 5 de outubro de 2016 finalizou o período inicial do contrato. O goberno de Ames cumprindo co seu compromiso recollido no programa de goberno, que contemplaba revisar as condicións do servizo de lacería e canceira garantindo condicións de vida dignas para os animais abandonados e fomentando a súa adopción, decidiu non executar a prórroga deste contrato, para garantir o non sacrificio dos animais e impulsar a vía da adopción.
O alcalde de Ames, José Miñones, indicou que "seguimos cumprindo cos compromisos acadados, que neste caso era un grito a voces feito pola cidadanía. Para este goberno foi prioritario buscar unha saída a este contrato e esperamos que as empresas que se presenten cumpran co obxectivo do goberno: sacrificio cero dos animais".
Valorarase a realización de campañas educativas
Nesta nova licitación valorarase a realización de campañas encamiñadas a educar, sensibilizar e concienciar á cidadanía contra o abandono e maltrato animal, plans de actuacións, plans de terapia e actividades asistidas con animais, así como ser unha Asociación Protectora de Animais ou ter subscritos convenios con estas asociacións.
A duración inicial do contrato será de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos. A empresa adxudicataria destinará un número de teléfono operativo as 24 horas ao que se chamará para avisar dos servizos necesarios. No caso de que os animais recollidos non teñan propietario, unha vez pasados os 20 días establecidos na lexislación vixente, poderá ser dado en adopción.
Só se poderá practicar a eutanasia en casos excepcionais debidamente xustificados segundo criterios dun veterinario (animais atropelados, con enfermidades sen posibilidade de curación ou tratamento, etc) e deberán achegar estes informes ao Concello. O prazo de presentación de proposicións é de 15 días naturais desde o día seguinte a publicación no BOP e no perfil do contratante do Concello de Ames.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, responsable do departamento municipal de Contratación, indica que “ con esta nova licitación revisáronse as condicións desta contratación obrigando á empresa adxudicataria ao non sacrificio dos animais, establecendo un sistema alternativo de adopción e incorporáronse novos criterios que valoran o compromiso das entidades para erradicar o maltrato e abandono animal”.
Por outra banda, o concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, como responsable deste servizo de lacería e canceira manifesta que “era un compromiso do noso programa de goberno apostar pola adopción e impulsar as medidas que garantan a defensa e protección dos animais. Ames é un dos poucos Concellos que dan este paso de non sacrificar aos animais e énchenos de orgullo poder facelo”.




