[28-06-2016] O pasado sábado, 25 de xuño, o aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns, acolleu o festival do club deportivo de baile Danzaya, que contou con actuacións de danza e música en directo. Neste evento participaron preto de 200 alumnos/as de entre 3 e 60 anos. Este ano, como novidade, engadiron música e voz interpretadas en directo por diferentes cantantes membros da escola e, acompañados, polo "ballet coreográfico" da devandita organización.
Funky, baile moderno, chacha, jive, bachata, salsa, hip-hop, zumba kids, jazz e moitos máis estilos, foron os que se bailaron no festival de fin de curso que organizou o pasado sábado pola tarde-noite o club deportivo de baile Danzaya. Dende a organización estiman que asistiron á celebración máis dun milleiro de persoas que puideron gozar deste festival en familia.
Neste evento participaron máis de doce grupos de diversos estilos e unha parella de profesores que fixeron unha breve exhibición de baile de salón. Este ano, todos os profesores/as bailaron dalgunha forma (sós, en parella ou con algún dos grupos de alumnos/as). Para pechar as coreografías do festival, uníronse os dous grupos de competición, que conformaron unha coreografía moi movida e diferente ás demais.
Dende o club deportivo de baile Danzaya explican que “o próximo ano aumentaremos o número de grupos que se inician na competición tanto autonómica como nacional. Para pechar o evento, desde o club deportivo, mobilizamos a todos os alumnos para que, con antelación entregásennos fotos de cando eran pequenos e da actualidade, para facer unha montaxe de vídeo e audio moi emotivo. Intentamos transmitirlle aos nosos alumnos, o importante que é quererse, valorarse, compartir... e que todos somos como unha gran familia”.
Por outra banda, o venres, 1 de xullo, comezan os campamentos de baile de verán nos que se realizan todo tipo de actividades (danza, teatro, xogos...). Despois destas actividades, durante o mes de agosto, o club deportivo de baile Danzaya pechará as súas instalacións para que tanto profesores/as como alumnos/as collan forzas de cara o próximo curso que comeza o 1 de setembro. As actividades que imparten en Danzaya son: zumba fitness, danza moderna, funky, hip-hop, fusión, zumba kids, pilates, terapias alternativas como relaxación, reiki...
Contido relacionado
El Correo Gallego:"Danzaya divulgó su pasión por el baile entre mil forofos"