Solapas principales

Ames acolle a segunda reunión da Mesa Local de Coordinación Institucional contra a violencia de xénero na que se realizou unha análise do protocolo

Viernes, 24 de junio de 2016

[24-06-2016] Este xoves, 23 de xuño, tivo lugar a segunda reunión da Mesa Local de Coordinación Institucional contra a violencia de xénero. Acudiron os representantes dos colectivos implicados, que xa participaran na primeira reunión da mesa, e analizaron o protocolo creado para actuar en casos de detección de violencia machista. Ademais, informouse do dereito á asistencia gratuíta das vítimas de maltrato que ofrece o Colexio de Avogados. A Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, destacou a importancia da coordinación entre institucións e os servizos públicos para loitar contra esta lacra social. Asemade, indicou que a Xunta impulsa a mellora da resposta institucional e a posta en marcha de novas medidas para abordar dun xeito máis eficaz os casos de violencia de xénero.

Á reunión, que tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello, a partir das 13:00 horas, acudiron a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, persoal do Centro de Información da Muller de Ames, dos Servizos Sociais, un representante da Policía Local, persoal dos centros educativos, representantes da fiscalía de Santiago de Compostela e do colexio de avogados, así como de centros educativos.  

Comezou coa lectura que fixo a secretaria da acta da pasada reunión, que tamén foi a de constitución desta mesa. Trala súa aprobación procedeuse a abordar o único punto da reunión: o debate e deliberación en torno ao protocolo de actuación que a concellaría de Servizos Sociais quere facilitar a todos os axentes implicados na loita contra a violencia de xénero. Neste caso examinouse o protocolo a seguir polos servizos sociais e as traballadoras do CIM.  

A representante do Colexio de Avogados solicitou que se engadise o dereito de asistencia gratuíta das mulleres vítimas de violencia de xénero por parte desta institución. Informou de que o propio colexio conta con persoal de atención as 24 horas e os 365 días do ano e dunha persoa dedicada especialmente a tratar casos de maltrato.  

Ademais na reunión sacouse a relucir a necesidade de aumentar os puntos de encontro na comunidade e ampliar e flexibilizar os seus horarios.  A Secretaria Xeral de Igualdade anunciou que se establecerán máis proximamente, dentro das políticas sociais que está a desenvolver a Xunta de Galicia. Susana López Abella tamén informou á mesa de que o Instituto Galego da Vivenda e Solo xa posúe medidas específicas para a asignación de vivendas a mulleres vítimas da violencia de xénero.

Dada por finalizada a reunión da mesa a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, lembrou que a vindeira reunión terá lugar no próximo trimestre -os encontros sucédense cada tres meses dende o mes de marzo- e que se continuará a desenvolver o protocolo “neste caso dende a perspectiva da Policía Local, do persoal dos centros de educación ou dos centros sanitarios”, puntualizou.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "La mesa local analiza el protocolo para actuar en caso de violencia machista"
El Correo Gallego: "Impulsan as mesas locais para unha resposta eficaz contra a violencia de xénero"
La Voz de Galicia: "Piden más puntos de encuentro en Ames contra la violencia de género y con horarios flexibles"