Solapas principales

Os alcaldes de Ames e Negreira reúnense coa asociación de veciños da Ponte Maceira para coordinar os traballos de limpeza da ponte e das beiras do río

Miércoles, 22 de junio de 2016

[22-06-2016] Os alcaldes de Ames, José Miñones, e de Negreira, Jorge Tuñas, reuníronse onte cos membros da asociación de veciños da Ponte Maceira. Nesta xuntanza tamén participaron o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos de Ames, Blas García, e maila concelleira amesá de Participación e Atención Veciñal, Isabel González. Nesta xuntanza acordouse realizar traballos conxuntos de limpeza da ponte, beirarrúas e nas beiras do río. Tamén se vai intentar rehabilitar tres lavadoiros, que están soterrados nunha das beiras do río, e estase estudando impedir o acceso rodado á ponte para favorecer a conservación desta infraestrutura.

Os Concello de Ames e de Negreira van a realizar actuacións conxuntas para acondicionar a contorna da Ponte Maceira. Os rexedores de ambos concellos mantiveron este martes pola tarde unha xuntanza co presidente, Carlos Berdullas, e outros dous membros da asociación de veciños da Ponte Maceira.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “o obxectivo é mellorar a contorna deste lugar que conta cunha beleza tan singular. Dende o goberno municipal de Ames apostamos polo turismo e polo Camiño de Santiago - Fisterra que discorre pola Ponte Maceira. Trátase dun dos lugares máis visitados do noso concello, polo que é fundamental que se atope en boas condicións de conservación”.

Unha das actuación que e vai acometer é a limpeza da ponte que divide ambos concellos. Para iso, vaise a solicitar un presuposto para acometer estes traballos que serán sufragados entre Ames e Negreira. Para executar esta actuación está previsto que se realicen traballos en altura na ponte. Ademais, os traballos de limpeza tamén atinxen ás beirarrúas do lugar e ás beiras do río. Nas vindeiras semanas os departamentos de obras dos dous municipios vanse a coordinar para desenvolver os traballos de limpeza e roza nas beiras do Tambre.

Outras das actuación que se van a realizar é o acondicionamento dunha parcela, que está previsto que sexa cedida por un veciño do lugar, para poder habilitar nesta zona un aparcadoiro. Deste xeito, intentarase paliar a falta de espazos para poder estacionar. Ademais, váiselle solicitar á Deputación da Coruña que execute unha senda peonil entre a Ponte Nova ata a Ponte Maceira. Esta é unha das demandadas da asociación de veciños para gañar en seguridade viaria.

Acceso rodado á ponte
Por outra banda, estase estudando impedir o acceso rodado á ponte, xa que por motivos de conservación, dende a Dirección Xeral do Patrimonio aconsellaron que se prohibira a circulación de vehículos por este lugar para evitar o deterioro de dita infraestrutura. Ambos gobernos están estudando esta recomendación feita pola Xunta de Galicia.

Por último, na visita feita esta semana tamén se acordou que se vai intentar recuperar e rehabilitar tres lavadoiros que están soterrados por restos e sedimentos do río. Estes lavadoiros están situados nunha das beiras do río Tambre.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Anuncian trabajos de mejora y limpieza en Ponte Maceira"
La Voz de Galicia: "Ames y Negreira quieren vetar el acceso rodado a Ponte Maceira para evitar daños"