[21-06-2016] O corpo de seguridade amesán alerta sobre un posible engano, que están levando a cabo varias persoas que se fan pasar por instaladores de gas. Estas persoas operan de forma individual ou en parella e intentan enganar a persoas maiores que viven soas. Para entrar nas súas casas utilizan a escusa de que teñen que revisar as instalacións do gas. Estes supostos estafadores cóbranlle aos veciños/as unhas cantidades elevadas de diñeiro e intentan levar máis cartos aproveitando algún despiste do dono da casa. Dende o Concello de Ames faise un chamamento á veciñanza amesá, para que estean alerta ante estes posibles enganos. Poden contactar coa Policía Local, a través do teléfono 619 76 75 75, ou coa Garda Civil do Milladoiro chamando ao 062.
Dende a Policía Local de Ames detectaron varios intentos de engano nos últimos días. Concretamente detectouse dous casos de estafa: un caso en Leboráns o venres pasado e esta semana en Pegariños. Trátase dun grupo de persoas que se fan pasar por operarios dunha empresa de gas. Estas persoas sempre operan de forma individual ou en parella e intentan enganar a persoas maiores que viven soas.
Para entrar nas vivendas indícanlle á veciñanza que teñen que revisar as instalacións do gas. Estes presuntos operarios cobran elevadas cantidades de diñeiro, e ao mesmo tempo, intentan levar máis diñeiro aproveitando algún despiste do dono da casa. A Policía Local de Ames recomenda non deixar pasar a ningún instalador que non acredite a súa condición, ou en caso de dúbida, chamar á compañía distribuidora para comprobar a veracidade da revisión.
O Concello de Ames recoméndalle á veciñanza que estea alerta e que se teñen algunha dúbida sobre a autenticidade dos operadores que se presentan nos seus fogares que chamen á Policía Local, a través do teléfono 619 76 75 75, ou á Garda Civil do Milladoiro marcando o 062. No caso de que algún veciño/a caia neste presunto engano debe avisar o máis axiña posible á Policía Local para evitar que se produzan novos casos.




