[07-05-2016] O Concello de Ames celebra este domingo, 8 de maio, a décima edición do Día da Bici. Esta actividade espertou un gran interese entre a veciñanza amesá e dende o departamento de Deportes tramitaron preto de 200 inscricións. Para participar nesta actividade é obrigatorio o uso do casco. Nesta xornada realizarase unha ruta pola contorna de Bertamiráns completando un circuíto, de 8 quilómetros de distancia, practicamente urbano.
O Día da Bici é unha actividade que organiza o Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, o Centro deportivo Ames (Serviocio), o SuperCor, a Asociación Galega de Ciclistas, o Club Ciclista de Ames, Os Esfola Arrós, o Ribeiras do Tambre BTT e o Club Ciclista Repeitiños da Capilla.
Está actividade está pensada para que poida participar calquera persoa maior de 8 anos de idade. O percorrido, de 8 quilómetros, realizarase polas rúas de Bertamiráns. Trátase dun circuíto que a maior parte discorre polo núcleo urbano, aínda que tamén se pasará polas zonas rurais do Pedregal, Sisalde e de Covas. A organización deseñou un itinerario fácil e de dificultade baixa, cunha duración máxima dunha hora.
Ás 10:00 horas un grupo de ciclistas saíra en bicicleta dende a Casa da Cultura do Milladoiro cara Bertamiráns. De seguido, para as 10:45 horas, está prevista a concentración dos participantes no lugar de saída. Ás 11:00 horas, os ciclistas participantes saíran dende os arredores do centro deportivo A Telleira, en Bertamiráns.
Xincanas ciclistas e zumba
A esa mesma hora comezaran as xincanas ciclistas, que están dirixidas aos nenos e nenas menores de 8 anos. Os rapaces e rapazas poderán participar en diferentes probas de habilidade para demostrar a súa destreza coa bicicleta. Tamén haberá, ás 12:15 horas, unha clase de zumba en familia a cargo dos monitores do Centro deportivo A Telleira.




