[03-05-2016] O Concello de Ames celebra este domingo, 8 de maio, a décima edición do Día da Bici. Nesta xornada realizarase unha ruta pola contorna de Bertamiráns. Para participar neste evento deportivo cómpre inscribirse ben chamando aos números de teléfono 619 842 504 e 981 535 940, ou ben a través do correo electrónico deportes@concellodeames.gal. As inscricións, que son totalmente gratuítas, poderán realizarse en horario de 9:00 a 14:00 horas ata o día 6 de maio. Para participar nesta actividade é obrigatorio o uso do casco.
O Día da Bici é unha actividade que organiza o Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, o Centro deportivo Ames (Serviocio), o SuperCor, a Asociación Galega de Ciclistas, o Club Ciclista de Ames, Os Esfola Arrós, o Ribeiras do Tambre BTT e o Club Ciclista Repeitiños da Capilla.
Está actividade está pensada para que poida participar calquera persoa maior de 8 anos de idade. O percorrido, de 8 quilómetros, realizarase polas rúas de Bertamiráns. Trátase dun circuíto que a maior parte discorre polo núcleo urbano, aínda que tamén se pasará polas zonas rurais do Pedregal, Sisalde e de Covas. Os organizadores agardan xuntar a un gran número de ciclistas e indican que se trata dun itinerario fácil e de dificultade baixa, cunha duración máxima dunha hora.
Ás 10:00 horas un grupo de ciclistas saíra en bicicleta dende a Casa da Cultura do Milladoiro cara Bertamiráns. De seguido, para as 10:45 horas, está prevista a concentración dos participantes no lugar de saída. Ás 11:00 horas, os ciclistas participantes saíran dende os arredores do centro deportivo A Telleira, en Bertamiráns.
Xincanas ciclistas e zumba
A esa mesma hora comezaran as xincanas ciclistas, que están dirixidas aos nenos e nenas menores de 8 anos. Os rapaces e rapazas poderán participar en diferentes probas de habilidade para demostrar a súa destreza coa bicicleta. Tamén haberá, ás 12:15 horas, unha clase de zumba en familia a cargo dos monitores do Centro deportivo A Telleira.
Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente de xeito gratuíto. As inscricións poderán realizarse, en horario de 9:00 a 14:00 horas ata o día 6 de maio, chamando aos números de teléfono 619 842 504 e 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal. No momento da inscrición os participantes deberán achegar nome e apelidos, idade, enderezo e teléfono de contacto. As persoas participantes deberán levar posto, de xeito obrigatorio, un casco.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Un chamamento a prol da vida sana para o Día da Bici do vindeiro domingo"