[20-04-2016] A narradora Charo Pita impartirá un obradoiro de narración e animación sociocultural na Casa da Cultura de Bertamiráns. As sesións, de tres horas cada unha, dividiranse en catro xornadas (25 de abril e 11, 16 e 18 de maio). O obradoiro está dirixido a mestres/as, bibliotecarios/as, animadores/as socioculturais e persoas interesadas na narración oral. A inscrición pode facerse chamando ao teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.gal.
Traballar as habilidades comunicativas, desenvolver estratexias de narración oral e de animación lectora, facilitar pautas para adaptar textos escritos á linguaxe oral, coñecer mecanismos de retención da atención, e estimular a imaxinación e a creatividade das persoas participantes son os obxectivos deste curso. Ao longo das catro xornadas do obradoiro, tamén haberá tempo para intercambiar experiencias e resolver dúbidas.
Nas sesións deste obradoiro o alumnado introducirase no universo da narración oral. Da man de Charo Pita repasarán os aspectos básicos a ter en conta enriba do escenario, coidando elementos como a voz, o corpo e a presenza escénica. A relatora falaralles aos participantes de oralidade e público infantil, seleccionará varias propostas de animación e propoñerá bibliografía e documentación para continuar traballando xa na casa.
O curso será eminentemente práctico, con intervencións teóricas e propostas de xogo e debate para lograr a mellor asimilación dos contidos. Estará divido en dous módulos de seis horas cada un, seguidos por dúas horas de traballo práctico. O primeiro módulo comezará con xogos de desinhibición, para continuar cunha breve exposición da estrutura do conto, xogos con dicionarios, actividades de creación de historias e unha parte de prácticas de narración coas historias inventadas. Charo Pita levará ao alumnado a unha sesión na que ela exercerá de narradora, para que sirva como introdución práctica.
O segundo módulo retomará os xogos de desinhibición para continuar cunha selección de repertorio por parte do alumnado e a aprendizaxe de técnicas para manter a atención. Rematará con actividades individuais e en grupo nas que alumnos e alumnas traballarán cadansúa historia coa finalidade de realizar prácticas de narración. Ao finalizar ambos módulos organizaranse dúas sesións de narración oral nas bibliotecas municipais de Bertamiráns e O Milladoiro, cada unha delas cunha duración aproximada dunha hora. As alumnas e alumnos deberán participar, como mínimo, nunha destas sesións para poñer en práctica o aprendido ante un público infantil.
Charo Pita é licenciada en filoloxía hispánica e ten experiencia impartindo obradoiros de narración oral. Ela mesma colleu a maleta de narradora no ano 1994, e dende entón adícase a viaxar contando historias. Ten participado en diversos proxectos como o espectáculo infantil Estamos no verán, baseado nunha das súas obras, en espectáculos bilingües, en montaxes de contos musicais ou con imaxes, como Os Fonocontos ou As Ollofábulas e coas súas historias consegue atraer tanto ao público miúdo como ao adulto. Na actualidade está a piques de publicar a súa primeira novela infantil.




