Solapas principales

A Xunta de Goberno Local adxudica obras nas parroquias de Biduído e Piñeiro por valor de 28.000 euros

Martes, 15 de marzo de 2016

[15-03-2016] O Concello de Ames vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a adxudicación dun proxecto de obras, incluído no Plan de Obras e Servizos (POS) adicional de 2014, que recolle melloras no camiño que une os lugares de Casanova e A Igrexa, en Biduído; no camiño de acceso interior ao lugar de Casanova e en varios camiños da parroquia de Piñeiro. Estas obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL por un importe de 27.839,93 euros. Os traballos que se executarán estarán dirixidos, sobre todo, a acondicionar a capa de rodaxe dos camiños. A finalidade é mellorar a seguridade viaria, tanto de peóns coma de vehículos.

A Xunta de Goberno Local vén de darlle luz verde a adxudicación de varias obras que están incluídas dentro do proxecto “Camiño Casanova a Igrexa de Biduído, acceso interior a Casanova e camiños na parroquia de Piñeiro”, que será sufragado con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS) adicional de 2014 da Deputación Provincial da Coruña. Este proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL por ser a que obtivo maior puntuación no proceso de licitación.

O concelleiro de Obras Públicas, Blas García, indica que "a través das obras que se recollen neste proxecto seguimos a mellorar os camiños no rural de Ames. Neste caso vaise actuar en camiños de dous lugares da parroquia de Biduído e en pistas doutras tres aldeas da parroquia de Piñeiro. A través destas obras preténdese mellorar as condicións nas que se atopan a maioría dos lugares do rural amesán".

Na obra de reparación do camiño que une os lugares de Casanova e a Igrexa, pertencentes á parroquia de Biduído, actuarase nunha zona que se dividirá en dous treitos diferentes de 540x4,00 e 15x7,00 metros. No primeiro treito e nunha zona de sobreancho de 175 metros cadrados mellorarase a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado. No segundo treito pavimentarase con dez centímetros de grava e cun triplo tratamento asfáltico.

Outra das obras adxudicadas é a mellora do camiño de acceso ao lugar de Casanova, pertencente á parroquia de Biduído. Neste caso actuarase en cinco treitos diferentes de 120x5,00; 50x6,00; 20x6,00; 160x4,50 e 90x3,50 metros, así como 325 metros cadrados de sobreanchos, para mellorar a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a superficie.

Actuacións na parroquia de Piñeiro
A terceira obra adxudicada levarase a cabo no camiño que discorre entre os lugares de Vilaverde e Balindo, situados na parroquia de Piñeiro, que conta cunha lonxitude de 635 metros e 3,50 metros de ancho. A través dos traballos que se van realizar preténdese o seu afirmado con dez centímetros de zahorra de canteira o posterior selado con cinco centímetros de area.

Por outra banda, actuarase no camiño do lugar de Fernande (Piñeiro). Neste caso as obras desenvolveranse en dous treitos diferentes de 130x3,50 e 15x3,50 metros para mellorar a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a superficie.

Por último, realizarase unha actuación de mellora no camiño de acceso e que discorre polo interior do lugar de Vilaverde, tamén situado na parroquia de Piñeiro. Neste caso vanse realizar obras en dous treitos de 250x3,50 e 150x3,50 metros, así como nunha zona de sobreanchos de 175 metros cadrados, para mellorar a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a superficie.

En todos os camiños haberá que reparar as fochancas, perfilar as mordentes, abrir gabias e limpar as salvagabias para que tralas obras se produza un correcto drenaxe. Todos estes traballos terán un custe total de 27.839,93 euros.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Adxudican traballos nas parroquias de Biduído e Piñeiro por 28.000 €"