Solapas principales

Un fin de semana de deporte, teatro e música despois do día de Nadal

Sábado, 26 de diciembre de 2015

[26-12-2015] A programación de Nadal deste ano inclúe catro eventos diferentes para o último fin de semana de 2015. Dous concertos, un torneo de fútbol e unha obra de teatro compoñen a programación que segue aos días de Noite Boa e Nadal. O espectáculo "Pasional Tango" abre a oferta de ocio o sábado 26 de decembro; o concerto "No bico un cantar", a representación de "Conto de Nadal" e o torneo de fútbol sala mixto organizado pola ONG Mi Perú complétana o domingo 27.

As portas do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro abriranse este sábado, 26 de decembro, un pouco antes das 20:00 horas para a representación do espectáculo "Pasional Tango". O tango é un xénero musical que xurde na área do Río da Plata (fronteira natural entre Uruguai e Arxentina) acompañado dun baile. Representantes de ambos países, o mestre pianista Julio Pereda, uruguaio, e os cantantes Héctor e Sofía Rial (pai e filla), arxentinos, porán a música para os bailadores Cruz e Jorge. O espectáculo busca ser un percorrido pola historia do tango, deténdose nas letras e melodías máis coñecidos ou representativos do xénero. O prezo da entrada é de 8 euros.

A programación do domingo 27 arrinca cedo. Ás 9:30 horas da mañá disputaranse os primeiros partidos de fútbol do torneo mixto organizado pola ONG Mi Perú. O día 18 de decembro rematou o prazo de inscrición para un torneo que cumpre xa a súa oitava edición. O prezo da inscrición, de 30 euros, está destinado a recadar fondos para a ONG Mi Perú. Dez equipos disputarán este ano o torneo no pavillón municipal de Bertamiráns: o Santiago Futsal, o Meigas, o Don Frutos, Os Pelouros, o Gancho Futsal, o Sat Europa, os Correcaminos, o Villa de Cee, A Estrada e os Coyotes. A primeira quenda de encontros terá lugar pola mañá, entre as 9:30 e as 13:35 horas. A continuación do descanso xogarase a segunda quenda de enfrontamentos, entre 15:00 e as 19:45 horas. A final do torneo terá lugar ás 20:10 horas e a entrega de premios está prevista para as 20:30 horas. Pola tarde organizaranse xogos nos que poderá participar o público.

O domingo 27 tamén terá lugar en Bertamiráns a representación da coñecida obra de Dickens "Un conto de Nadal", da man da Asociación Cultural de Mulleres de San Xoán Ortoño. As integrantes desta asociación prepararon este conto, ambientado na época de Nadal, que inclúe unha reflexión sobre o auténtico espírito de Nadal e o significado das festas invernais. No conto de Dickens o avaro Eveneezer Scrooge percorre a cidade de Londres durante unha noite acompañado de tres pantasmas, unha do seu pasado, outra do seu presente e unha última do seu futuro, que lle ensinarán o mundo que hai máis aló do seu lugar de traballo. O espectáculo comezará ás 20:00 horas.

Por último, o domingo día 27 pero no Milladoiro, ás 18:00 horas, terá lugar un concerto na Casa da Cultura que reúne a tres agrupacións musicais de distintos municipios baixo o nome "No bico un cantar". No concerto participarán o grupo folk Ascuas, a Coral Polifónica Santomil de Bugallido, e a Coral Polifónica da Terceira Idade de Vedra.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Ames despide el año con conciertos, obras de teatro y un partido de fútbol solidario"