[08-09-2015] Reforzo da presenza policial nos puntos de acceso aos centros educativos, semáforos na Avenida da Peregrina e posta en marcha dunha zona de aparcamento no espazo exterior do Pavillón Polideportivo de Bertamiráns co obxectivo e que as familias que levan os nenos e as nenas ao CEIP A Maia non ocupen cos seus vehículos a entrada do colexio, mellora da sinalización nas inmediacións do CEIP de Barouta e o CEIP A Maia, incremento dos controis de velocidade e mantemento da patrulla escolar que o Concello contrata como reforzo para a entrada e saída das clases son algunhas das medidas nas que o goberno está traballando para regular o tráfico e garantir a seguridade na contorna dos colexios cara o inicio do curso escolar o 10 de setembro.
O alcalde José Miñones, o concelleiro de Educación, David Santomil, o concelleiro de obras Blas García, e o inspector xefe da Policía Local, José Antonio Rodriguez manteñen estes días reunións de traballo para trazar un plan que garanta a seguridade na contorna dos centros escolares - CEIP A Maia, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muiño, EEI do Milladoiro e CEP de Ventín- e regule o tráfico de vehículos e o transporte escolar.
Froito destas reunións acordáronse unha serie de actuacións que se levarán a cabo o dez de setembro, día do inicio do curso escolar e outras medidas que se manterán ao longo do curso escolar.
Zona de aparcamento nas inmediacións do CEIP A MAIA
Dada a singularidade e a problemática específica existente no CEIP a Maia, problemática que comparte co IES de Bertamiráns que comeza as clases uns días máis tarde, e despois de seren retirada a pasarela que cruzaba a Avenida de Negreira á altura dos centros educativos e que case ninguén utilizaba, habilitáronse semáforos fronte ao colexio e a habitual patrulla escolar axudará a regular o paso un pouco máis arriba, situándose no paso de peóns que está máis próximo á rotonda da autovía AG56. A patrulla, que contrata o concello como reforzo na entrada e saída das clases, permanecerá durante todo o curso activa, axudando a regular o tráfico nas inmediacións deste colexio e o IES de Bertamiráns.
Porén esta non será a única medida que se tome neste punto de conflito da comunidade educativa de Ames. O Concello habilitará unha zona de aparcamento no recinto do Pavillón Polideportivo de Bertamiráns para que os pais e as nais que acompañan ao colexio aos fillos e fillas deixen alí os seus vehículos, despexando a zona da entrada do colexio pola Avenida da Peregrina. A intención final é que durante o primeiro trimestre do curso se fagan probas neste senso coa intención de finalmente dotar dunha dársena para o transporte escolar do IES de Ames no recinto do Pavillón Polideportivo. Ademais preténdese que no futuro, se esta medida resulta axeitada, o alumnado do IES entre desde ese lugar á parte traseira do centro educativo. Ata que este proxecto se materialice, o transporte escolar realizará as súas paradas nos lugares habituais.
“Desde o goberno municipal recomendamos ás familias que acompañan aos nenos e nenas ao colexio, que na medida do posible utilicen para aparcar este recinto anexo ao Pavillón Polideportivo de Bertamiráns para evitar aglomeracións de tráfico e facilitar a entrada aos colexios”, manifesta Blas García, concelleiro de Obras e Públicas e Servizos Básicos, quen tamén pide comprensión ás familias “polas deficiencias que poidan xurdir” e manifesta o compromiso do goberno de “seguir mantendo un contacto directo con ANPAS, profesores e a comunidade educativa en xeral, para continuar abordando conxuntamente os problemas que poidan xurdir e deste xeito mellorar ás condicións nas que se desenvolve o proceso educativo en todo o o Concello”.
Máis controis de seguridade no CEIP de Barouta
Outro dos puntos conflitivos no canto do tráfico ás horas en que entran ou saen os nenos e nenas das clases, é o CEIP de Barouta. Aquí o goberno municipal de Ames ten previsto mellorar a sinalización, reforzar a presenza policial e incrementar os controis de velocidade. Esta última medida está previsto que se aplique nas inmediacións do resto dos Centros Educativos de Ames, especialmente na contorna do CEIP A Maia.
Experiencia piloto
Por outra banda o Concello, en colaboración cos centros educativos, proxecta desenvolver unha experiencia piloto de mobilidade sostible e seguridade, no marco do plan “Proxecta” que inclúe diferentes actuacións de concienciación e sensibilización coa seguridade viaria. Prevense, neste senso e nunha segunda fase, realizar intervencións urbanísticas encamiñadas a mellorar a accesibilidade aos centros educativos e promover o traslado a pé aos colexios.
“Baseándonos nas ideas do psicopedagogo italiano Francesco Tonucci e os seus estudos sobre o papel dos nenos e nenas no ecosistema urbano, rollidas no proxecto “A cidade dos nenos”, aplicado xa en moitos lugares do mundo, queremos implicar a través dunha campaña de concienciación a toda a comunidade educativa na responsabilidade de facer de Ames un concello fácil, atractivo e seguro para a infancia e un bo xeito de comezar é precisamente a mellora da seguridade viaria para este sector de poboación e a súa implicación responsable en todo o proceso”, declara o concelleiro de Educación, David Santomil, que ademais engade que “con este operativo especial e coas actuacións realizadas en materia de seguridade viaria nos centros escolares damos cumprimento ao noso compromiso electoral, pero aínda queda moito por facer”.
Contido relacionado

"Ames pone en marcha un operativo especial de seguridad viaria para el inicio del curso"
"Controis para Barouta e máis parquin no CEIP A Maía"




