Solapas principales

O "Vagalume 2015” trae ao campo das Pateiras a Ruxe Ruxe, Biribirloque, Desequilibrio Mental e Stoyka e Ponte Maceira iluminárase con velas.

Viernes, 28 de agosto de 2015

[28-08-2015] O campo das Pateiras, en Bertamiráns acollerá hoxe a partir das nove da noite o “Vagalume” 2015, un concerto de rock que organiza a Asociación Cultural Pedra da Mira e no que participarán os grupos Ruxe Ruxe, Biribirloque, Desequilibrio Mental e Stoyka. O Concello de Ames colabora coa iniciativa poñendo o palco e a carpa. Por outra banda, o lugar de Ponte Maceira será escenario de “Noites en vela”, unha iniciativa do concello de Negreira coa que colabora po concello de Ames e que permitirá gozar da visión da ponte iluminada tan só por velas durante coarenta minutos a partir das once da noite, mentres se escoita ao grupo de cámara Minuetto.

A Asociación Cultural e Xuvenil “Pedra da Mira”, colabora na dinamización cultural do concello desde a súa creación hai sete anos. Os rapaces e rapazas que forman parte da Asociación teñen organizado beléns viventes, magostos, concertos e colaborado na recreación da Paixón, nos campamentos e noutras actividades que se organizan en Ames como a Festas da Xuventude e os concertos de verán. Agora “Pedra da Mira” pon en marcha o primeiro festival de rock “Vagalume 2015” que traerá ao campo das Pateiras aos grupos Ruxe Ruxe, Desequilibrio Mental e Stoyka e Biribirloque, cuxos membros son veciños de Ames e forman parte de Pedra da Mira.

O Festival nace con vocación de continuidade. Este ano é o campo das Pateiras o lugar elixido para levalo a cabo, pero os rapaces e rapazas da Asociación, pensan que o espazo pode cambiar no futuro: “Este ano facémolo no Campo das Pateiras, en Bertamiráns, para dalo a coñecer, pero se é posible máis adiante queremos queremos levalo a Bugallido”, di Benxamin Seoane, presidente de “Pedra da Mira” e cantante de Biribirloque. Pola súa banda, María Mato, vocal da Asociación matiza que, ”sen dúbida, por tradición, por historia e por todo o que alí se leva facendo desde sempre, Bugallido é a capital cultural do concello de Ames”.

A iniciativa do Festival tivo moi boa acollida no concello de xeito que moitos establecementos colaboraron para a realización do evento. “Pensamos que só nos ían a apoiar os bares e a hostalaría - manifesta María Mato, vocal de “Pedra da Mira”- e o final nos apoiaron tamén desde establecementos de moda e beleza ata librarías, ópticas e empresas de seguros, aínda así os cartos van xustos e dependemos tamén da venta do merchandising e do que se faga nas barras”.

“Pedra da Mira” fixo camisetas, pinks e chapas co logotipo do Festival que venderán no campo das Pateiras. Ademais ofrecerán bebidas e bocadillos. Co que saquen afrontarán parte dos gastos do festival. O Concello colabora coa organización encargándose da estrutura, o palco, os valos, os camerinos e carpa que se instalou no campo en previsión de que poida chover. Os de “Pedra da Mira” cruzan os dedos e Meteogalicia predí que deixará de chover a partir das seis.

Ponte Maceira iluminado con velas
As 23:00 horas do venres 28 de agosto, Ponte Maceira apagará as súas bombillas e o monumento quedará iluminado unicamente pola luz de centos de candeas. O apagamento do alumeado público durará corenta minutos. Nesa penumbra actuará o grupo de cámara Minuetto, que amenizará a noite cun repertorio de música clásica. A iniciativa, que pretende poñer en valor a beleza deste coñecido paraxe pertencente aos Concellos de Ames e Negreira, partiu do Concello de Negreira. O Concello de Ames, que colabora co evento, ten todo previsto para que a iluminación artificial da parte que lle corresponde se apague á hora prevista.

Contido relacionado


Debuta en Ames o festival Vagalume, combatendo a chuvia con rock do país