[27-08-2015] O goberno aposta por potenciar e fortalecer a Rede Municipal de Comedores Escolares de Ames. Deste xeito manifestouse David Santomil, concelleiro de Educación e Cultura, logo da reunión mantida no colexio Agro do Muiño cos traballadores e traballadoras deste servizo municipal que hoxe se incorporaron ao seu posto de traballo para comezar a preparar o curso escolar. A Rede Municipal de Comedores Escolares incrementa este curso 2015/2016 o número de prazas. 1045 usuarios/as xa están admitidos e o Goberno está facendo todo o posible porque os 103 nenos e nenas que neste momento están en lista de garda poidan tamén incorporarse ao servizo.
O concelleiro de Educación, David Santomil, participou esta mañá na reunión que os traballadores/as da Rede Municipal de Comedores mantiveron para preparar o inicio do curso escolar. Á reunión acudiron as 22 persoas que conforman o cadro de persoal dos comedores e que se encargan dos servizos de cociña e de limpeza deste servizo municipal. Os traballadores do Servizo Municipal de Comedores de Ames adoitan a facer esta reunión antes de que comece o curso co obxectivo de organizar os equipos de traballos, distribuír ao persoal nos distintos comedores e cociñas, establecer os horarios necesarios, preparar os equipamentos e avaliar as necesidades concretas de cada comedor. “A reunión serve tamén para coñecer as impresións dos traballadores/as, avaliar as deficiencias que poida haber e falar do modo arranxalas e escoitar as suxestións do persoal, sempre cara á mellora do servizo”, declara Cecilia Borges, coordinadora deste servizo municipal.
A reunión establecer os traballos de posta en marcha dos equipamentos de comedores e comezar a preparar os equipamentos, a intendencia e as compras. Serve ademais esta xuntanza para organizar a posta en marcha do programa de conciliación da vida laboral e familiar “Setembro Lúdico” que comeza a desenvolverse o martes, día 1 de setembro e do que tamén se encargan os traballadores da Rede Municipal de Comedores Escolares.
Á reunión de hoxe acudiu o concelleiro de Educación David Santomil. “Foi unha primeira toma de contacto, un xeito de coñecer ás persoas que se encargan deste servizo emblemático do Concello de Ames, do que estamos absolutamente orgullosos e por cuxo fortalecemento e continuidade apostamos sen reservas”, declarou Santomil quen ademais comprometeuse a que unha vez iniciado o curso escolar, se achegaría a comprobar en directo o funcionamento das cociñas, poñería gorro e mandil e colaboraría na elaboración dun prato.
A Rede Municipal de Comedores Escolares de Ames, incluída na oferta de servizos complementarios do Concello, ten como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. O Concello xestiona directamente este servizo que está dirixido ao alumnado de infantil e primaria. Actualmente a Rede conta con cinco comedores no CEIP Agro do Muíño, no CEIP A Maía, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro.
Contido relacionado

" La red de comedores escolares amiense aumenta las plazas el próximo curso"




