Solapas principales

O Concello de Ames recibe aos nenos/as saharauís que están pasando o verán en Ames

Domingo, 23 de agosto de 2015

[23-08-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, e a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, recibiron na Casa do Concello aos nenos/as saharauís que están pasando o verán en Ames. Chaabbab, Mrabih e Mohamed levan dende o pasado 7 de xullo coas súas familias de acollida e volverán para as súas casas a primeira semana de setembro. O alcalde e as concelleiras entregáronlle unha mochila con material escolar a cada neno/a de agasallo e manifestáronlle aos representantes da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a súa intención de seguir colaborando o próximo ano con este programa solidario.

O goberno municipal asinou de novo este ano un convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a través do cal durante os meses de xullo e agosto unha nena e dous nenos saharauís están pasando as súas vacacións en Ames. O Concello actúa de mediador entre as familias amesás e esta asociación para xestionar a estadía dos nenos/as saharauís en Ames. A Administración local encárgase de pagar o billete de avión (ida e volta) de cada rapaz/a que ascende a contía de 890 euros por neno/a.

Chaabbab, Mrabih e Mohamed son os nomes dos dous nenos e da nena que están pasando o verán en Ames. Estes nenos/as chegaron o pasado 7 de xullo e volverán para as súas casas a primeira semana de setembro. Antes de rematar a súa estadía en Ames o rexedor municipal, José Miñones, a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, e a concelleira de Participación e Atención Veciñal, Isabel González, recibiron na Casa do Concello aos nenos/as saharauís que están pasando o verán en Ames.

Ademais de falar con eles para coñecer de primeira man a súa experiencia en Ames, o alcalde e as concelleiras entregáronlle unha mochila con material escolar a cada neno/a de agasallo. Nesta recepción tamén participaron as familias de acollida, o técnico municipal, que se encarga de xestionar este programa, e Esther Ybarra, portavoz na zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, destacou que “o Concello de Ames seguirá colaborando coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí nas vindeiras edicións deste programa solidario”. A edil de Servizos Sociais tamén incide na “importancia deste programa para que os nenos e nenas do Sáhara poidan pasar unhas vacacións tranquilas e divertidas en diferentes localidades galegas” e recalca a “labor desinteresada que fan as familias de acollida porque sen eles non se podería levar a cabo esta iniciativa”.


Contido relacionado


"El Concello de Ames obsequia con material escolar a tres niños saharauis"