Solapas principales

O goberno municipal reúnese co presidente da Deputación da Coruña para falar de varios proxectos municipais que están pendentes de executar

Lunes, 10 de agosto de 2015

[10-08-2015] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Blas García, reuníronse co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, así como co deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, para abordar diferentes proxectos municipais, que contan con financiamento da administración provincial, e están pendentes de executar. Este encontro tamén serviu de toma de contacto e presentación entre ambas partes. O rexedor municipal cualificou de “moi positiva esta xuntanza na que o presidente da Deputación mostrou o seu compromiso de colaboración co Concello de Ames”.

Nesta xuntanza revisáronse principalmente dous convenios, que estaban subscritos entre o Concello de Ames e a Deputación provincial da Coruña, pero están sen executar. En primeiro lugar, falouse dun convenio para dotar dunhas gradas cubertas ao campo de fútbol municipal do Milladoiro. Este convenio foi asinado en novembro de 2013. Posteriormente, o proxecto foi adxudicado en novembro de 2014 por parte do anterior goberno. A pesar diso non puido desenvolverse porque existía un informe que aconsellaba non executalo por carecer das normas de seguridade necesarias.

Segundo informa o rexedor municipal “a falta de resolución do goberno anterior neste asunto puxo en perigo a realización deste proxecto, que foi adxudicado á empresa Joscón, pero que conta cun informe negativo sobre o proxecto e as cantidades económicas alí recollidas. Esta obra conta cunha solicitude de prórroga por dúas ocasións e que remata o vindeiro 31 de outubro do presente ano”.

José Miñones explica que “dende a Deputación advertiron da imposibilidade de levar a cabo unha terceira prórroga, polo que o Concello debe solucionar o problema deste proxecto, que foi encargado sen a previsión necesaria do anterior mandatario". Trala xuntanza desta mañá o presidente da Deputación da Coruña comprometeuse a estudar a situación deste proxecto, para solucionar esta actuación co obxectivo de que o devandito campo de fútbol poida contar cun espazo cuberto para os espectadores e sen que teña que ser certificada negativamente a modificación do proxecto e o fin da obra executada.

O alcalde lamenta que “as cousas se fixeran unha vez máis sen planificación algunha e que se prometera a realización desta obra, incluso a través da prensa, a sabendas dos problemas que ocasionaban dita actuación e que levaron a que o anterior mandatario non a executara sen explicación algunha”.

Vía de acceso á parte traseira do IES Milladoiro
Outro dos temas tratados esta mañá foi a construción dunha travesía, que comunicaría a rúa dos Agriños, situada no polígono Novo Milladoiro, coa estrada DP 0206 que vai cara Ventín. Con esta vía dotaríase ao IES Milladoiro dunha estrada pola parte traseira do centro que permitiría ter unha entrada de emerxencias para ambulancias ou outro tipo de vehículos. Esta obra, que estaba previsto que fose financiada a través da Deputación, foi aprobada en Pleno no anterior mandato pero non chegou a executarse.

No pasado mes de xullo, o novo goberno municipal envioulle á Deputación toda a información sobre este proxecto que fora solicitada polo órgano provincial o pasado mes de marzo. Deste xeito, esta mañá ratificouse a necesidade desta obra solicitada en numerosas ocasións polas ANPAS do IES e a dirección do centro. A urxencia de levar a cabo este convenio é o que fai que hoxe se instara á Administración provincial a reafirmarse neste compromiso e que acelere os tramites para poder licitar o devandito proxecto de construír esta travesía.

Asemade, de cara ao inicio do curso escolar 2015-2016 o Concello vai acometer con fondos propios unha parte desta travesía que comunica a rúa dos Agriños coa entrada do IES Milladoiro para o acceso de urxencias e ambulancias. Este foi un compromiso adquirido por parte do goberno municipal coas ANPAS deste instituto.

Visita a Feiraco e cemiterio municipal
Por outra banda, o goberno municipal explicoulle ao presidente da Deputación a situación na que se atopa o cemiterio municipal de Ames e que son necesarios preto de 400.000 para abrir esta instalación municipal. Valentín González comprometeuse a explorar varias vías de financiamento a través das cales a Deputación lle poida achegar fondos ao Concello de Ames para poder proceder a apertura do cemiterio, o que permitiría ao Concello plantexar a súa apertura de cara o vindeiro ano, cumprindo coa recomendación do Valedor do Pobo acerca desta instalación municipal e obrigatoria para Ames. "Como xa dixemos estamos traballando en buscar unha solución o máis axiña posible a esta instalación que leva dende 2011 sen ver a luz", afirmou o alcalde.

Por último, José Miñones invitou ao presidente da Deputación a realizar unha visita a planta da cooperativa Feiraco. Ademais, Valentín González mostrou o seu compromiso para colaborar na elaboración dun libro, que está realizando Feiraco sobre Maximino Viaño, un veciño amesán que foi socio fundador desta cooperativa leiteira. O organismo provincial colaborará nesta iniciativa imprimindo os distintos exemplares que se editen deste libro. Ademais, o presidente da Deputación aceptou a invitación que se lle fixo para que se achegue ata Ames no vindeiro mes de setembro. Miñones tamén lle entregou ao presidente da Deputación un libro titulado Ames: in terra Amaeae, que conten fotografías de diferentes lugares e paraxes amesáns.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames busca 400.000 euros para abrir el cementerio municipal"
El Correo Gallego: "El IES Milladoiro tendrá una vía trasera para emergencias"