[18-03-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, Ana Ruso, reuníronse onte con membros dalgúns dos clubs de fútbol locais para comezar a preparar o XXXIV Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Á xuntanza acudiron directivos do FC Agrón, Bertamiráns FC, Ortoño CF, Biduído SR e Bugallido FC.
A celebración desta cita deportiva ten lugar, tradicionalmente, antes de que finalice a temporada e nela participan todos os equipos federados do concello. A reunión de onte serviu para comezar a avanzar na organización dun campionato para o que aínda non hai unha data concreta pero que terá lugar entre os meses de maio e xuño.
Con anterioridade, no mes de abril, o campo municipal do Milladoiro acollerá a liga de grupos entre catro equipos. Logo celebraranse as semifinais que enfrontarán aos tres gañadores desta liga co Bertamiráns FC, e por último disputarase a gran final.
Para participar no Trofeo de Fútbol Concello de Ames cada club poderá inscribir un máximo de 25 xogadores.
Neste trofeo estará permitido xogar con cadetes maiores de 15 anos, aínda que o club non dispoña de equipo en categoría xuvenil.
Haberá trofeos para o equipo campión e subcampión e como novidade este ano tamén recibirán galardón o máximo goleador e o porteiro menos goleado.




