[17-03-2015] O Concello de Ames colabora co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, no desenvolvemento do programa de divulgación astronómica en Galicia, Todocosmos. Dentro deste programa está previsto que este venres, 20 de marzo, se realice a observación dun eclipse de Sol no xardín do propio Observatorio en Santiago. Esta actividade, que se desenvolverá a partir das 09:05 horas, está dirixida a todos os públicos.
Este venres, 20 de marzo, continúan as actividades programadas polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, dentro do programa de divulgación astronómica en Galicia, Todocosmos. Neste ocasión vaise realizar unha observación dun eclipse de Sol desde o xardín do propio Observatorio Astronómico. Para participar nesta actividade, que se desenvolverá a partir das 09:05 horas, non é preciso inscribirse previamente.
O Concello de Ames colabora nesta actividade e anima a todos os veciños e veciñas a que participen nesta observación astronómica. Todas as persoas que non poidan acudir ao Observatorio Astronómico poden observar o eclipse de Sol dende as súas casa, pero seguindo unha serie de recomendacións. Deste xeito, haberá que usar un cristal de soldadura (con máximo factor de protección) para mirar directamente ao Sol. Outra opción é usar unhas gafas especiais que se poden adquirir nalgunhas ópticas.
Por outra banda, as persoas que dispoñan duns prismáticos ou telescopio deben realizar a observación proxectando a imaxe do sol nun papel, pero nunca deben mirar directamente ao Sol, nin mirar a través dos prismáticos ou telescopio. Tampouco se aconsella usar gafas de sol, cristais afumados ou radiografías.
Para ampliar calquera outra información, as persoas interesadas poden enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 660 004 665.
Programa Todocosmos
O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a ciencia astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.
Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "A Astronomía ao alcance de todos: colaboración Universidade-Concellos-Organismos Públicos e Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiamento da FECYT para o ano 2015, e no que participan así mesmo os concellos de Ames, Lalín, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, Teo e Vedra, así como a empresa Óptica Val.




