[08-03-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, vén de asinar os contratos de tres proxectos que están incluídos no plan provincial DTC 93 “Unha Deputación para todos os concellos”. O concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, e os representantes das empresas adxudicatarias tamén estiveron presentes na sinatura destes contratos que permitirán que os traballos comecen nas vindeiras semanas. A través deste plan, que está dotado de 277.770,78 euros, o Concello de Ames vai executar seis proxectos de reparación de camiños en Ortoño, Ventín, Tapia, Covas, Bugallido, Bertamiráns e Agrón.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “O Concello de Ames dedica o cen por cen da contía deste plan provincial a execución de seis proxectos en Ortoño, Ventín, Tapia, Covas, Bugallido, Bertamiráns e Agrón”. O rexedor local tamén apunta que “a través deste plan o Concello de Ames levará a cabo varias obras de reparación de camiños e pistas que se consideran de vital importancia para a cidadanía amesá”.
Un dos proxectos que se asinou é a reparación do camiño, que vai dende Ponte Lapido ata A Tarroeira (Ortoño). Esta obra consiste na mellora da capa de rodaxe para mellorar o tránsito pola devandita estrada, tanto dos vehículos coma dos peóns. Neste proxecto tamén se inclúe a reparación dun muro de contención, que está en estado de derrubamento no lugar de Castiñeiro do Lobo, e a reparación da rúa Rueiro e da rúa Arrucheiro, ambas situadas na localidade de Bertamiráns.
Outro dos contratos que se asinou foi o do proxecto de reparación do camiño que vai dende o lugar da Mámoa ata a praia fluvial de Tapia. Esta obra consiste na reparación do viario co correspondente tratamento asfáltico superficial. Ademais, neste proxecto inclúese a reparación do camiño transversal que discorre polos lugares de Capeáns, Covas e A Igrexa, na parroquia de Covas, así como a reparación interior en Quistiláns. Estas obras mellorarán a seguridade viaria das devanditas estradas, dando resposta ás necesidades dos veciños da zona. Este proxecto e máis o anterior foron adxudicados á empresa Construcciones Ponciano Nieto.
Por último, asinouse coa empresa Martínez Montes e Hijos o contrato para a execución do proxecto de reparación do cruce do camiño que vai do Milladoiro a Ventín. Trátase dunha relevante actuación que afecta a unha vía de entrada cara o CEP de Ventín e acumula un gran volume de tráfico no momento en que o alumnado entra e sae do centro educativo.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames repara seis viales y mejora el CEIP de Cortes para actos locales"
La Voz de Galicia: "Ames acometerá mejoras en varios caminos del rural"




