[03-03-2015] A Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá unha nova sesión da Xunta Local de Seguridade, unha xuntanza que estivo presidida polo alcalde, Santiago Amor, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán. A reunión serviu para facer balance da situación en materia de seguridade do municipio durante o ano 2014. Ademais aprobouse a posta en marcha dun plan de actuación nos centros educativos e unha campaña de seguridade viaria. Tamén se informou da comisión de coordinación en materia de seguridade cidadá entre a Garda Civil e a Policía Local de Ames, creada hai un ano.
Os datos extraídos do balance da situación en materia de seguridade municipal, elaborado polos diferentes corpos de seguridade, constatan que durante o ano 2014 mantívose estable o índice de delitos rexistrados en comparación cos datos obtidos en 2013. Para o alcalde amesán, Santiago Amor, “estes datos son positivos tendo en conta que en 2013 produciuse en Ames un descenso do número de delitos rexistrados”.
O rexedor local destacou que “dende comezos de 2015 e tendo en conta os datos obtidos nos dous primeiros meses de 2014, reduciuse un 18% o índice de infraccións penais e nun 40% os delitos cometidos. Segundo estas cifras pódese dicir que Ames é un concello seguro”. Por último, Amor engadiu que “o traballo realizado conxuntamente entre a Policía Local e a Garda Civil do Milladoiro xera unha maior seguridade e o tempo de resposta ante calquera incidencia que xurda é menor”.
O subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, tamén destacou “o bo traballo” que están realizando en permanente coordinación a Policía Local de Ames e a Garda Civil do Milladoiro. “Esta boa sintonía –indicou Atán– reflíctese na redución do índice de infracción e delitos cometidos tanto no 2014 como nos dous meses que levamos de 2015”.
Ademais, nesta xuntanza abordáronse as cuestións tratadas nas catro reunións mantidas pola comisión de coordinación en materia de seguridade cidadá entre a Garda Civil e a Policía Local de Ames que foi creada en xaneiro de 2014. Neste senso, os corpos de seguridade están levando a cabo unha campaña de control e vixilancia no polígono industrial do Milladoiro.
Plan de actuación nos centros educativos
Por outra banda, abordouse o plan director de actuación en materia de seguridade, que se está desenvolvendo de xeito conxunto entre a Policía Local de Ames e a Garda Civil do Milladoiro nos centros de ensino do municipio. A través deste plan, durante o 2014 impartíronse un total de 36 charlas preventivas en materia de drogodependencia e internet. Ademais, realizáronse reunións coas asociacións de nais e pais de alumnos deste centros e estase realizando un traballo periódico de control e vixilancia nos centros educativos.
Outro dos puntos que se trataron foi a campaña de seguridade viaria, que se presentou a nivel estatal a semana pasada en Bertamiráns, posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico. Esta actividade enmárcase nunha campaña de formación que o Concello de Ames trasladará tamén ás aulas para que un total de 2.500 alumnos reciban, durante este mes, formación viaria teórica e práctica. Entre outras cuestións, os menores recibirán formación para realizar unha correcta circulación en bicicleta.
Á Xunta Local de Seguridade de Ames tamén asistiron a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez; a concelleira de Seguridade do Concello de Ames, Ana Ruso; o inspector e o oficial da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez e Maximino García; o tenente comandante do posto da Garda Civil do Milladoiro, Jesús Ramón Viaño; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Benedicto González; o inspector xefe da unidade de Santiago do grupo de investigación de incendios do Corpo Nacional da Policía, Vicente Carballo; o capitán Del Río e o sarxento Mosteiro da Garda Civil de Tráfico.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames registra un descenso del 40 % de los delitos en el arranque del 2015"
El Correo Gallego: "Ames destaca el descenso de delitos y organiza campañas"




