Solapas principales

Os Reis Magos poñen en marcha o VIII Concurso de Cartas de Nadal do Concello de Ames

Viernes, 05 de diciembre de 2014

[05-12-2014] Os Reis Magos acaban de poñerse en contacto co Concello de Ames para convocar a oitava edición do Concurso de Cartas de Nadal. Os nenos e nenas que queiran participar neste concurso deberán depositar as súas cartas ata o 18 de decembro nas novas caixas de correo reais que están situadas nos colexios, nas bibliotecas municipais, nas casas da cultura e na Casa do Concello. Para participar neste concurso establecéronse tres categorías; educación infantil, primeiro ciclo de primaria (1º e 2º de primaria); e segundo ciclo de primaria (3º e 4º de primaria). O xurado valorará a creatividade, tanto do texto coma da decoración, e a adecuación ao tema proposto. Os premios entregaranos os propios Reis Magos, o día 5 de xaneiro, na cabalgata real.


Estase achegando o Nadal e os Reis Magos de Oriente xa andan ultimando os preparativos para facer realidade os soños das persoas de todos os recantos do mundo que confían neles. Un ano máis, as súas maxestades animan a todos os nenos e nenas de Ames a que participen no Concurso de Cartas de Nadal. No comunicado que a Casa Real de Oriente remitiu ao Concello de Ames, animan os nenos e nenas amesáns a participar e agradecen tamén a colaboración dos pais, nais, irmáns, avós, mestres... Para ilustrar o concurso de 2014, os Reis elixiron unha das cartas gañadoras da edición pasada, a de Antía Somoza Bóveda, alumna do CEP de Ventín.

As cartas que os rapaces envíen para participar no concurso deben estar en galego. O xurado, nomeado polo Concello de Ames e polos Reis Magos de Oriente, valorará tanto o texto como a decoración da propia carta e a adecuación ao tema proposto. O concurso conta con tres categorías: educación infantil, primeiro ciclo de primaria (1º e 2º) e segundo ciclo de primaria (3º e 4º). En cada categoría estabeleceranse dous premios. Estes serán entregados polos Reis Magos en persoa na cabalgata do día 5 de xaneiro.

Nas cartas que se escriban e debuxen cada participante deberá expresar que desexo ten cada neno/a para a lingua galega. Deste xeito, os Reis Magos poderán contribuír a facelo realidade para que a rapazada amesá e a lingua galega sigan medrando xuntos.

É moi importante que nas cartas apareza moi claro o seu enderezo postal dos nenos e nenas xa que os magos vanlles enviar unha carta resposta a cada un dos e das participantes no concurso. Esa carta levará tamén un pequeno agasallo para todos os e as participantes. As cartas haberá que depositalas ata o 18 de decembro nas novas caixas de correo reais que este ano instalaron os Reis Magos nos colexios, nas bibliotecas municipais, nas casas da cultura e na Casa do Concello.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames abre el concurso de cartas de Nadal"