Solapas principales

Ames entrega os premios aos mellores monólogos do IV Concurso Radiofónico de Teatro Lido “Desata a lingua!!!”

Viernes, 05 de diciembre de 2014

[05-12-2014] O Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames acolleu onte, xoves, a entrega de premios aos mellores monólogos no marco do IV Concurso Radiofónico de Teatro Lido “Desata a lingua!!!”. O acto estivo conducido pola dramaturga e xornalista de Ames Radio Nazaret López. Antes de dar paso á representación dos tres monólogos galardoados, a concelleira de Cultura, Eugenia Martín, entregou os cheques aos gañadores, por valor de 200 euros cada un.

O público elixiu gañador, con 129 votos, ao monólogo “A maquillaxe” escrito por Catalina González Bermúdez e interpretado por Araceli Gil Pubul, alumnas de primeiro de bacharelato no Colexio Alca (Ames). Trátase dunha historia en clave de humor que reflexiona sobre a estética feminina, inspirada, segundo as súas autoras, “no día a día dunha muller coqueta”.  

O premio ao mellor guión orixinal foi para a peza cómica “A regularidade”, escrita polos irmáns Jorge e Daniel Expósito Patiño, e interpretada por Daniel Iglesias Duro, do IES do Milladoiro. “Tras unha tormenta de ideas fomos creando diferentes escenas que deron lugar a catro guións ata acadar este monólogo que conta unha historia do cotián”, sinalaron os gañadores.  

Por último, “Cousas da vida”, un relato sobre os trastornos alimenticios, fíxose co premio á mellor interpretación. Escrito por Camila Caffarelli Popowicz e Rosalía Cid Tarrío, do IES de Milladoiro, contou coa interpretación desta última. Elas mesmas explicaron que se trata dun monólogo autobiográfico, “creado para concienciar sobre este tipo de enfermidades que poden afectar á mocidade e ás veces son tratadas como un tema tabú”. O título honra á obra homónima de Castelao, onde tamén aparecen “historias macabras e complicadas de asimilar”.  

Un concurso para fomentar o galego, o gusto polo teatro e a radio
Organizado polos departamentos de Normalización Lingüística, Xuventude e Comunicación, o concurso ten como obxectivo dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá, a través da reflexión colectiva e da creatividade. Ademais, intenta fomentar a afección polo teatro e o achegamento á radio municipal.  

A temática dos relatos foi libre, aínda que se valorou que estivese relacionada con asuntos de actualidade, podendo ser de creación propia ou unha adaptación. Os textos debían estar escritos en lingua galega e en formato de monólogo e a súa exposición non debería superar os dez minutos.  

Este ano a participación aumentou en relación a edicións anteriores. En total, foron 36 mozos e mozas do IES de Ames (Bertamiráns), do IES do Milladoiro e do Colexio Alca quen, coordinados por varios profesores, crearon a súa peza teatral. Ademais, os participantes asistiron a unha xornada de formación impartida pola locutora e especialista en teatro Nazaret López, que lles achegou diferentes claves para unha boa guionización, locución e interpretación. Posteriormente, e antes de que o xurado elixise aos gañadores, realizaron a gravación e montaxe dos monólogos na radio municipal de Ames. 

O xurado estivo formado por un xornalista de Ames Radio, unha informadora xuvenil do Concello e a técnica de Normalización Lingüística.