Solapas principales

Xa se coñecen os gañadores do IV Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!!!

Jueves, 27 de noviembre de 2014

[27-11-2014] Xa se coñecen os gañadores/as dos tres premios que se outorgan na cuarta edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!!! O premio do público será para o monólogo “A maquillaxe” escrito por Catalina González Bermúdez e interpretado por Araceli Gil Pubul, do Colexio Alca. O premio ao mellor guión orixinal foi para a peza “A regularidade”, escrita por Jorge Expósito Patiño e Daniel Expósito Patiño, e interpretada por Daniel Iglesias Duro, do IES do Milladoiro. Por último, o premio á mellor interpretación foi para a obra “Cousas da vida”, escrita por Camila Caffarelli Popowicz e Rosalía Cid Tarrío, e interpretada por Rosalía Cid Tarrío, tamén do IES de Milladoiro. Os tres premios, que serán entregados no Salón de Plenos da Casa do Concello, o 4 de decembro, ás 20:00 horas, están dotados con 200 euros cada un. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de sons, poderás escoitar os monólogos premiados neste concurso.

Este concurso, organizado polos departamentos de Normalización Lingüística, Xuventude e Comunicación do Concello de Ames, pretende dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva e da creatividade. Ademais, intenta fomentar o gusto polo teatro entre a mocidade e o achegamento á radio municipal. Nesta edición, como novidade, optouse polo formato de monólogo, en consonancia coa programación cultural do Concello.

Nesta edición aumentou moito a participación xa que houbo 15 grupos inscritos inicialmente, 3 do IES de Ames, 2 do colexio Alca e 10 do IES do Milladoiro, aínda que estes últimos finalmente quedaron en 6. O alumnado participante, que cursa estudos de segundo ciclo da ESO ou de bacharelato, estivo coordinado por profesorado destes centros escolares. A temática foi libre, aínda que se valorou que estivese relacionada con algún tema de actualidade.

Este ano o premio do público, que está dotado con 200 euros, recaeu no monólogo A maquillaxe. O guión desta obra foi feito por Catalina González Bermúdez, mentres que a interpretación correu a cargo de Araceli Gil Pubul. Estas alumnas cursan primeiro de bacharelato no colexio Alca. Este monólogo obtivo un total de 129 votos por parte do público. En segunda posición quedou a peza A viaxe de Xiomara con 59 votos e o terceiro monólogo máis votado foi Mamá, vou ser ecoloxista con 42 votos.

O premio ao mellor guión orixinal foi para a peza A regularidade, escrita por Jorge Expósito Patiño e Daniel Expósito Patiño, e interpretada por Daniel Iglesias Duro, do IES do Milladoiro. Por último, o premio á mellor interpretación foi para a obra Cousas da vida, escrita por Camila Caffarelli Popowicz e Rosalía Cid Tarrío, e interpretada pola propia Rosalía Cid Tarrío, tamén do IES de Milladoiro.

Acto de entrega de premios
Os tres premios, que serán entregados no Salón de Plenos da Casa do Concello, o 4 de decembro, ás 20:00 horas, están dotados con 200 euros cada un. Será un acto aberto ao que están convidados todos os e as participantes que queiran asistir, os representantes do centro, os premiados e premiadas e a quen eles queiran convidar (familiares, amizades, etc). Os gañadores e gañadoras interpretarán o seu monólogo neste acto.

Este ano o xurado do Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua!!! estivo formado por Juan Luís Silva (xornalista de Ames Radio), Pilar Villaverde Cutrín (informadora xuvenil do Concello de Ames) e Rosa Moreiras Cuñarro (técnica de Normalización Lingüística).


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Anuncian el fallo del Concurso Radiofónico de Teatro Lido"