[25-11-2014] O Concello de Ames acaba de abrir ao público tres parques infantís municipais despois de mellorar as súas instalacións. Deste xeito, executáronse obras de reparación nos espazos da praza de Chavián, en Bertamiráns; no parque situado na praza que está limitada polas rúas Agro da Madalena, Agro do Medio e Viorneira (máis coñecida como praza de Correos), no núcleo do Milladoiro; e no parque infantil da urbanización Agro do Muíño, na parroquia de Ortoño. Estes traballos figuraban no Plan de Obras e Servizos complementario da Deputación da Coruña correspondente ao exercicio 2013 e, grazas aos aforros conseguidos nas restantes licitacións, puideron acometerse agora. Na reparación e adecuación dos tres parques infantís, moi concorridos, investíronse un total de 51.307 euros.
Agro do Muíño, Chavián e O Milladoiro
No parque de Agro do Muíño as actuacións consistiron na retirada do pavimento de grava, que existía anteriormente e que ocupaba unha superficie total de 147 metros cadrados e substituíuse por lousas de caucho. Antes da colocación do pavimento de caucho houbo que realizar unha soleira de formigón sobre a que se colocaron as devanditas lousas de caucho. Ademais, este proxecto incluíu a colocación dun valado perimetral que delimita a área de xogos.
Nos parques da praza de Chavián e do Milladoiro retirouse o pavimento vello de lousas de caucho, realizouse unha exhaustiva limpeza e aplicouse unha soleira de formigón, para, a continuación, colocar o correspondente pavimento de caucho continuo para garantir a amortiguación das posibles caídas dos nenos e nenas.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Fin de la reforma de 3 parques infantiles"




