[05-11-2014] O Concello de Ames vén de renovar os acordos de colaboración cos clubs deportivos municipais aos que fai unha achega total de 40.000 euros para a posta en marcha das súas actividades. Os beneficiarios destas axudas son o Club de Patinaxe Sarela, o Fútbol Club Meigas, o Bertamiráns F.C., o Milladoiro S.D. e o Club Voleibol Bruxas. Representantes destas entidades e o alcalde amiense, Santiago Amor, subscribiron os convenios cuxa vixencia se estenderá ata o vindeiro 30 de xuño. Na sinatura tamén estivo presente a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín.
O obxecto destes contratos é continuar apoiando o traballo realizado nas escolas deportivas municipais nas que este ano participan un total de 1.575 rapaces e rapazas. O rexedor amiense agradeceu aos presidentes e presidentas dos clubs “a súa colaboración no desenvolvemento das escolas deportivas de Ames, e o seu intenso labor en favor do deporte amiense e da formación de novos deportistas que leven o nome do noso municipio”.
Santiago Amor subliñou que “un ano máis, o Concello e os clubs amienses reforzan a súa liña de traballo conxunto á fronte dunhas escolas deportivas que reúnen a centos de rapaces e rapazas de Ames co fin de promover o exercicio físico e levar unha vida saudable”. O alcalde subliñou que, por primeira vez, se asina un acordo co Club Patinaxe Sarela e amosou a súa “satisfacción por ir ampliando ano a ano a colaboración nunhas escolas que teñen como obxectivo iniciar aos nenos e nenas na práctica deportiva para que adquiran o hábito de realizar exercicio a miúdo”.
O Milladoiro S. D. obterá 11.253 euros para seguir xestionando as escolas deportivas municipais de fútbol sala no núcleo poboacional do Milladoiro. Pola súa parte, o Club Voleibol Bruxas, que recibe ata 5.984 euros, desenvolve a súa actividade no ximnasio do CEIP Agro do Muíño.
Como novidade este ano, o Concello de Ames realizará unha achega de 9.150 euros ao Club de Patinaxe Sarela para impartir as súas clases no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Nesta localidade, desenvolverá a súa práctica o Bertamiráns F.C., que terá este curso unha axuda de 10.127 euros.
Por último, o Fútbol Club Meigas recibe da administración municipal un total de 3.008 euros que lle permitirán continuar coa práctica do fútbol sala feminino nas instalacións deportivas do Colexio Alca, situado en Biduído de Arriba.




