Solapas principales

Os alumnos/as da Escola Integral de Maiores participaron nun curso de iniciación á informática na Aula do Milladoiro

Jueves, 03 de julio de 2014

[03-07-2014] Un ano máis a Aula de informática do Milladoiro organizou unhas xornadas de iniciación á informática que estiveron dirixidas aos usuarios/as da Escola Integral de Maiores do Milladoiro. Neste curso participaron 14 persoas que estiveron divididas en dous grupos. Un grupo asistiu ás clases de 16:30 a 17:15 h e outro de 17:15 a 18:00 horas. Con motivo do remate do curso a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, fixo entrega dos diplomas que acreditan o correcto aproveitamento deste curso no que o alumnado lembrou diferentes nocións sobre o uso da Internet e aprendeu a usar o correo electrónico.

Os alumnos/as da Escola Integral de Maiores do Milladoiro participaron nunhas xornadas de iniciación á informática. Nestas clases aprenderon nocións sobre a Internet e sobre o uso do correo electrónico. Algúns destes alumnos/as xa participaron en anos anteriores nestas xornadas, polo que esta actividade serviulles para repasar o que xa aprenderon noutras edicións. Aínda así, recordaron as nocións que aprenderon anteriormente con exercicios de memoria cos que practicaron a utilización do rato.

Nas clases, os e as asistentes aprenderon a manexar o rato, o teclado, a crear carpetas, gardar arquivos nas carpetas, cambiar o fondo de escritorio, modificar e configurar o protector de pantalla, etc. Estas actividades de iniciación á informática combináronse con outras nocións sobre a Internet. Deste xeito, aprenderon a usar o correo electrónico, buscaron información nun buscador, pediron cita para o médico, leron a prensa e fixeron a compra a través da rede.

Ademais, os maiores tamén traballaron co procesador de texto de LibreOffice Writer. A través deste programa, e buscando unha temática axeitada para cada momento, ensinóuselles a crear un documento e darlle forma, a engadir táboas, inserir imaxes ou a darlle movemento a un texto.

Os 14 alumnos/as que participaron nestas xornada asistiron ás clases os mércores divididos en dous grupos. Un grupo asistiu ás clases de 16:30 a 17:15 h e outro de 17:15 a 18:00 horas. Este curso encadrouse dentro da programación que desenvolve a Aula de Informática do Milladoiro todos os trimestres, unha programación que abrangue multitude de actividades co obxectivo de que a veciñanza amiense teña a oportunidade de mellorar os seus coñecementos de informática.

Servizo de Aula Aberta
Durante os meses de verán (xullo e agosto) o servizo de aula aberta ofrécese en horario de 10:00 h a 13:00 horas, agás a semana do 7 ao 11 de xullo, que se imparte un curso de mecanografía, que será de 10:00 h a 11:00 horas e de 12:00 a 13:00 horas. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o seu carné de usuario/a. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas.

Deste xeito, os usuarios/as poden empregar os ordenadores da aula para o que precisen, como consultar o correo electrónico, ler o xornal, xogar ou buscar información. Ante calquera dúbida poden preguntar o que desexen á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios/as cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os alumnos/as da Escola Integral de Maiores participaron nun curso de iniciación á informática"