Solapas principales

O Concello de Ames executa obras de asfaltado en varias rúas do Milladoiro

Lunes, 30 de junio de 2014

[30-06-2014] O Concello de Ames está realizando obras de asfaltado en varios puntos da localidade do Milladoiro. Concretamente estes traballos estanse executando na rúas da Moa, dos Cereixos e do Agro da Madalena. Estas reparacións están incluídas nun plan municipal de arranxo e acondicionamento das estradas municipais.


O tránsito diario dos vehículos supón un desgaste constante do pavimento das estradas. Co paso do tempo o firme vaise desgastando e empeza a presentar diversas fochancas que dificultan o tránsito. Ademais, este ano hai que engadir que o efecto dos temporais que asolaron Galicia deixou varios estragos nas vías amienses. Coa intención de emendar estes danos a Concellaría de Vía e Obras está desenvolvendo un plan de acondicionamento das estradas municipais.

Durante estes días estase executando a obra de reparación da calzada da rúa da Moa e da súa contorna. Deste xeito, estase acometendo a reparación do pavimento desta rúa e a mellora da rede de pluviais. Para iso vaise reparar o firme con grava compactada. Tamén se vai aplicar un tratamento semiprofundo e un tratamento asfáltico superficial. Ademais, para mellorar a rede de pluviais colocáronse as correspondentes tuberías de 20 centímetros de diámetro e realizáronse os sumidoiros necesarios con reixa de fundición.

Por outra banda, estase reparando o pavimento das rúas rúas dos Cereixos e do Agro da Madalena ata o lugar onde se atopa situado o centro de saúde do Milladoiro. Neste caso vaise varrer o firme e a continuación aplicaranse 523 metros cadrados de triplo tratamento asfáltico superficial. Estes traballos estanse executando co obxectivo de reparar o firme de varias rúas da zona urbana do municipio. Deste xeito, inténtase acondicionar todas as estradas municipais que presentan algún estrago.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello de Ames asfalta varias calles de Milladoiro con firme muy deteriorado"