Solapas principales

Un total de 120 xinetes e amazonas participaron no VII Concurso de Saltos Val da Maía que contou coa colaboración do Concello de Ames

Sábado, 14 de junio de 2014

[14-06-2014] Un total de 120 xinetes e amazonas participaron no VII Concurso de Saltos Val da Maía, organizado polo Centro Ecuestre Val da Maía, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, e que se celebrou durante toda a xornada de hoxe no paseo fluvial de Bertamiráns. Moitas persoas asistiron a este evento, que estivo organizado en favor de Cáritas Parroquial San Xoán de Ortoño, e no que participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o deputado provincial, Manuel Costa.


Premios
Os primeiros tres clasificados de cada proba recibiron un trofeo e unha escarapela. Na proba de cruzadas – gymkana os tres primeiros clasificados recibiron unha medalla e unha bolsa de lambonadas, mentres que na categoría de 0,50 metros entregóuselles un trofeo, unha escarapela e un pack de agasallos de Horse Dreams-Nici aos tres primeiros clasificados/as.

Por outra banda, na proba de 0,80 metros houbo escarapelas e trofeos para os tres primeiros, así como un camión a gasolina teledirixido ou unha casa de monecas para o primeiro; un drone teledirixido para o segundo; e un xogo de mesa 9 en 1 para o terceiro clasificado. Na categoría de 1,00 metro houbo escarapelas, trofeos e un cheque regalo de 140 euros, 90 euros e 50 euros para os tres primeiros.

Na categoría de 1,10 metros o/a 1º clasificado/a recibiu 200 euros; o/a 2º clasificado/a gañou 100 euros; e o/a 3º clasificado/a foi obsequiado con 50 euros. Ademais os tres gañadores/as desta categoría recibiron unha escarapela e un trofeo. Na proba Maxi-Mini os tres primeiros clasificados recibiron unha mantilla para os seus cabalos, e dependendo da posición foron obsequiados cunha manta, orelleiras, e unha fusta para os ponis.

Por último, na categoría de 1,20 metros o/a 1º clasificado/a recibiu un premio de 400 euros e dúas entradas para ver en Barcelona, entre o 9 e o 12 de outubro, a Final da Copa de Nacións; o/a 2º clasificado/a levou un premio de 200 euros; e o/a 3º clasificado/a foi premiado/a con 100 euros. Os tres premiados/as levaron tamén a correspondente escarapela e trofeo.

Programa do concurso
O evento comezou ás 11:30 horas coa proba de cruzadas – gymkana. De seguido, ás 12:15 horas desenvolveuse a proba de salto de 0,50 metros. Despois, ás 13:30 horas, realizouse a proba de salto de 0,80 metros. A última proba da mañá foi ás 14:30 horas na que os cabalos tiveron que saltar obstáculos de 1,00 metro. Unha vez rematada cada proba entregáronse os trofeos os/as gañadores/as de cada unha das categorías.

Xa pola tarde o concurso comezou ás 16:00 horas coa proba de 1,10 metros que estivo patrocinada polo Concello de Ames. Unha hora e media máis tarde, ás 17:30 h, dou comezo a proba Maxi-Mini, que consistiu en completar un percorrido de relevos por parte dunha parella formada por un cabalo e un poni. A última proba do día foi a de salto de 1,20 metros. Entre a primeira fase da última proba e a fase de desempate, desenvolveuse unha exhibición de volteo, que é algo semellante a facer ximnasia rítmica, pero no lombo dun cabalo.

O equipo técnico estivo composto polo xuíz Luís Barrena e polas xuízas Pilar Amor e Ana Aurora González. O xefe de pista foi José Lavandeira e de speaker fixo Federico Pérez-Lago.

Este sábado, 14 de xuño, o paseo fluvial de Bertamiráns acolleu a sétima edición do Concurso de Saltos Val da Maía, que estivo organizado polo Centro Ecuestre Val da Maía. Este evento contou coa colaboración do Concello de Ames e da Deputación da Coruña, así como de varias empresas e establecementos comercias.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, foron os encargados de inaugurar a sétima edición deste evento solidario e deportivo. No acto de apertura do torneo tamén estiveron a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, e o deputado provincial, Manuel Costa.

Un total de 120 xinetes e amazonas competiron nas sete probas que se celebraron ao longo de todo o día. As categorías establecéronse segundo o nivel hípico de cada un dos participantes e a altura dos obstáculos que tiveron que saltar os cabalos. Participaron xinetes e amazonas de idades moi diferentes. Dende nenos e nenas de 3 anos ata persoas adultas. Cómpre destacar que esta iniciativa organizouse en favor de Cáritas Parroquial San Xoán de Ortoño. A entrada a este evento foi libre e gratuíta durante todo o día.