Solapas principales

Este mércores, 30 de abril, comeza o prazo para preinscribirse nos campamentos municipais de verán 2014

Martes, 29 de abril de 2014

[29-04-2014] O Concello de Ames abre este mércores, día 30 de abril, o prazo de preinscrición para participar nos campamentos de verán de 2014. As concellarías de Medio Ambiente e Xuventude prepararon un programa de actividades, que están pensadas para que os rapaces e rapazas, mozos e mozas, que cursan estudos dende 3º de educación infantil ata 4º da ESO gocen duns días de vacacións cheos de actividades lúdicas e instrutivas. Este ano ofértanse un total de 330 prazas repartidas en sete campamentos diferentes que se desenvolverán durante os meses de xuño, xullo e agosto. O prazo de preinscrición estará aberto do 30 de abril ata o 12 de maio. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ficha de preinscrición e as bases dos campamentos de verán 2014.

Os campamentos, dirixidos a nenos e nenas de 2º ciclo de educación infantil, educación primaria e aos rapaces e rapazas desde 1º a 4º de ESO, realizaranse nesta edición en lugares como a granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda), a granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes), Albergue Fundación González Ferreiro (Allariz), no parque natural Serra do Xurés (Muíños), e no campamento xuvenil Ribeira Sacra (Quiroga).

Ademais, este ano desenvolverase a terceira edición do campamento urbano, que se levará a cabo no mes de xullo na Aula da Natureza. Grazas a este programa de campamentos deseñado polas concellerías de Medio Ambiente e Xuventude, os rapaces e rapazas terán a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fan novos amigos e fomentan o respecto polo medio ambiente. En todos os campamentos faranse xogos de cooperación e divertidas veladas.

Campamentos ofertados
Os nenos de 1º e 2º de educación infantil terán a posibilidade de pasar os días 25 e 26 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa (Silleda). O custo deste campamento será de 45 euros e ofértanse 30 prazas. Ademais, os rapaces e rapazas de 3º de educación infantil tamén terán a posibilidade de pasar uns días neste mesmo campamento. Neste caso ofértanse outras 30 prazas para os nenos/as que pasen os días 26, 27 e 28 de xuño na granxa escola Fervenzas do Toxa. Esta actividade terá un custo de 90 euros.

Por outra banda, os rapaces e rapazas que están cursando 1º e 2º de educación primaria poderán acudir á granxa escola El Kiriko, situada en Fornelos de Montes. Neste caso, a estancia será do 27 ao 29 de xuño a un prezo de 90 euros. Para este campamento ofrécense un total de 60 prazas.

Para os alumnos de 3º e 4º de educación primaria ofértanse 50 prazas no Albergue Fundación González Ferreiro de Allariz. A estancia neste campamento será dende o 30 de xuño ata o 3 de xullo e terá un custo de 127 euros. Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de educación primaria poderán estar entre os días 3 e 8 de agosto no parque natural Serra do Xurés, en Muíños. Neste caso ofértanse 60 prazas a un prezo de 170 euros.

Por último, os mozos e mozas que están cursando 1º, 2º, 3º e 4º da ESO terán a posibilidade de pasar uns días no campamento xuvenil Ribeira Sacra, que está situado en Quiroga. Este campamento desenvolverase do 6 ao 13 de xullo e terá un custo de 220 por persoa. Neste caso ofrécense 50 prazas.

Debido ao éxito acado nas edicións anteriores, este ano a concellaría de Medio Ambiente volve a organizar o campamento urbano que se desenvolve na Aula da Natureza. Esta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos de idade, desenvolverase do día 7 ao 18 de xullo (de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas). En total, haberá 50 prazas dispoñibles e terá un custe de 50 euros. En tódolos campamentos se reserva un 10% das prazas para casos de emerxencia social.

Prazo de preinscrición
Todos os rapaces que desexen asistir terán de prazo para preinscribirse entre o 30 de abril e o 12 de maio. A preinscrición realizarase cubrindo unha ficha para todos os campamentos que poderán descargar na web www.concellodeames.org. O impreso de preinscrición tamén se pode obter de forma presencial de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no departamento de Medio Ambiente, que está situado na Casa do Concello, en Bertamiráns, e nas oficinas municipais do Milladoiro, así como na Oficina Municipal de Información Xuventude (OMIX), que está aberta os luns, mércores e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns, e os martes e venres na Casa da Cultura do Milladoiro.

Ademais, pódense recoller nas oficinas de Recadación de Bertamiráns, que se atopa na rúa Ameneiral, número 18, baixo, ou nas oficinas de Recadación do Milladoiro, que está situada nas oficinas municipais desta localidade, os luns e mércores. Nestes lugares os impresos de preinscrición tamén se entregarán de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Unha vez cubertos, os impresos de preinscrición haberá que entregalos no Rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro de 09:00 a 14:00 horas ou no Rexistro Xeral en Bertamiráns, tamén de 09:00 a 14:00 horas. No Rexistro Xeral do Concello tamén se poderá entregar o sábado pola mañá. Cando remate o prazo de preinscrición e a efectos de información e posibles reclamacións expoñeranse as listas provisionais nos taboleiros oficiais do concello do 13 ao 15 de maio. As listas definitivas expoñeranse ao público nos mesmos lugares o vindeiro 16 de maio.

Como o número de prazas é limitado, no caso de haber máis solicitudes que prazas, a adxudicación farase por sorteo público no salón de plenos do concello o día 19 de maio ás 13:00 horas. O resultado do sorteo expoñerase publicamente o día 20 de maio.

Para realizar a admisión nos campamentos establécese unha prioridade. En primeiro lugar, terán preferencia as familias monoparentais empadroadas no Concello de Ames. En segundo lugar, están os nenos e nenas empadroados no Concello. En terceiro lugar estarán os nenos que non estando empadroados están matriculados nun centro educativo de Ames ou os seus pais/nais traballan no territorio municipal de Ames. En quinto lugar figuran os nenos/nenas non empadroados. En todos os campamentos reservarase un 10% das prazas para casos de emerxencia social.

Para facilitarlles o pagamento aos pais/nais permítese o seu fraccionamento. O primeiro prazo, do 50% abonarase co modelo de autoliquidación e farase nas datas de matrícula (do 21 ao 31 de maio), mentres que o segundo prazo será do 9 ao 16 de xuño. Ademais, haberá descontos no custo para usuarios de familias numerosas. Para explicar todas estas cuestións, haberá reunións informativas tanto en Bertamiráns como no Milladoiro.

Para ampliar calquera outra información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de infantil e primaria, así como do campamento urbano poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org. Para solicitar información sobre o campamento xuvenil Ribeira Sacra deben chamar ao número 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.org.