Solapas principales

Entréganse os premios do VIII Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames

Viernes, 28 de febrero de 2014

[28-02-2014] O concelleiro de Comercio e Promoción Económica visitou os comercios premiados no VIII Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames para entregarlles os premios de xeito persoal. Nesta edición o primeiro premio recaeu no comercio Cousalinda. O segundo premio foi para o establecemento Desván de Pestañas, mentres que o terceiro premio levouno a panadería Pan y Bollería Iuli. Este ano contouse co apoio económico da Deputación da Coruña, e como novidade estableceuse o premio especial do público que foi para a librería Boas e Novas. Ademais, sorteouse unha PlayStation 4 entre toda a clientela que votou polo seu escaparate favorito. A gañadora deste agasallo foi Ana María Beiró Gómez. En total, o Concello repartiu preto de 3.000 euros entre todas as persoas gañadoras.


Nesta renovada edición do concurso estableceuse como novidade o premio especial do público que foi para a librería Boas e Novas, situada en Bertamiráns. Para determinar este premio, que está dotado con 200 euros, tivéronse en conta todas as votacións que fixeron os veciños e veciñas de Ames durante a campaña comercial de Nadal. Para iso, o Concello entregoulle 150 boletos a cada establecemento inscrito no Concurso de Escaparates, para que foran distribuídos entre a súa clientela. Posteriormente, os veciños/as tiveron que depositar os devanditos boletos nas urnas situadas para tal efecto tanto na Casa de Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns; como na Casa de Cultura e na Biblioteca municipal, do Milladoiro.

Ademais, o concelleiro de Comercio e Promoción Económica entregoulle unha PlayStation 4 a Ana María Beiró Gómez. Este agasallo foi sorteado entre toda a clientela que emitiu, polo menos, un boleto nas urnas colocadas para tal efecto. Cómpre destacar que se emitiron 1.771 votos o que supón un gran participación da cidadanía amiense neste concurso.

Este ano os premios do VIII Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Ames estiveron moi repartidos, xa que dous premios foron para comercios de Bertamiráns e outros dous para comercios do Milladoiro. Nesta edición participaron un total de 36 establecementos comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro. Tralo ditame do xurado, que se emitiu a comezos do mes de febreiro, o concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, encargouse de visitar aos comerciantes premiados para entregarlle persoalmente o premio acadado neste concurso.

O primeiro premio recaeu no comercio Cousalinda, situado no Centro Comercial Novo Milladoiro. O segundo premio foi para o establecemento Desván de Pestañas, de Bertamiráns, mentres que o terceiro premio recaeu na panadería Pan y Bollería Iuli, do Milladoiro. O concurso tivo 36 participantes de sectores comerciais moi diversos. O primeiro premio está dotado de 800 euros, o segundo premio é de 600 euros e o terceiro premio dispón de 400 euros.