Solapas principales

O Concello de Ames premia ao seus mellores deportistas e clubs na VIII Gala do Deporte

Sábado, 30 de noviembre de 2013

[30-11-2013] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta noite a VIII Gala do Deporte do Concello de Ames. A Concellaría de Deportes organizou un ano máis este acto, no que se premiou aos mellores deportistas e clubs deportivos que destacaron ao longo deste ano 2013. Nesta edición os deportes protagonistas foron o squash, o atletismo, a patinaxe, o voleibol e o fútbol. O xornalista Diego Viaño foi o encargado de presentar e conducir este acto. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, destacaron o nivel dos deportistas e dos clubs deportivos amienses. Así mesmo, comprometéronse a que o Concello de Ames seguirá fomentando o deporte entre a veciñanza amiense. Este acto estivo apadriñado polo exciclista profesional Ezequiel Mosquera, que se encargou de entregar un dos premios.


Mellor deportista masculino
Nesta ocasión o premio de mellor deportista masculino recaeu en Borja Golán, xogador profesional de squash. Actualmente é o número 8 do mundo. Borja Golán é dos mellores xogadores internacionais de squash e dispón dun gran palmares. Foi subcampión de Europa (2006 e 2012), 11 veces campión de España (desde abril do 2002 leva sen perder un partido contra un xogador español) e gañou 29 probas profesionais (PSA). Borja Golán non puido asistir á gala debido a que está disputando varios torneos internacionais, pero enviou un vídeo no que lle agradeceu este galardón ao Concello de Ames. O alcalde de Ames, Santiago Amor, entregoulle o premio á parella de Borja Golán. O acto rematou cun sorteo de varios agasallos.

O seguinte premiado en subir ao escenario foi Federico Bouza Betriu (Kiko), que foi galardoado polo seu traballo en prol do deporte e en especial do voleibol dentro do concello de Ames. Desde o ano 2009 é director técnico e adestrador do CV Bruxas, facendo unha enorme labor de fomento e desenvolvemento do deporte feminino en Ames. Kiko é adestrador de voleibol desde a tempada 1972-73. Foi director do centro de iniciación técnico deportivo de Pontevedra entre as temporadas 1979 e 1983, e director técnico da Federación galega de voleibol ao longo de 8 tempadas. Ademais, foi cofundador do club Emeve de Lugo na tempada 1981 e adestrador dos primeiros equipos feminino e masculino en superliga un e superliga dous deste club entre as tempadas 1981-2007. Por outra banda, é adestrador de volei praia desde a tempada 2005, contribuíndo á obtención de varios campionatos de España, un subcampionato de Europa e un terceiro posto no campionato do mundo. Ten unha distinción ao mérito deportivo de Galicia no ano 2011.

Trala entrega deste galardón houbo unha exhibición deportiva. As rapazas da escola deportiva de ballet fixeron unha pequena demostración do aprendido durante o que vai de curso. A continuación, seguiuse coa entrega de premios. Nesta edición o premio especial foi para o Centro Dental Macía, que leva máis de 12 anos apoiando o deporte local de toda a comarca. Colabora, entre outros, co Milladoiro S.D., Atletismo MillaRaio, Club Voleibol Bruxas e F.C. Meigas. Ademais, colabora en moitos eventos deportivos que se celebran no noso concello como o partido solidario para a recollida de xoguetes. Este galardón foi recollido por Javier Macía.

Mellor club deportivo amiense
De seguido entregouse o premio ao mellor club amiense, que este ano foi para o Milladoiro Sociedade Deportiva. Este premio foi recollido por Vicente González López, presidente desta entidade deportiva. Este club foi fundado no ano 2000 e con soamente 13 anos de vida xa conta con máis de 300 deportistas, todos en categorías inferiores, e con máis de 25 equipos, entre fútbol, fútbol-8 e fútbol sala. Na tempada pasada conseguiu o seu máis prezado logro, o ascenso a Liga Galega de infantís, pero a parte disto tamén acadou un subcampionato provincial de fútbol sala na categoría infantil, 2 campionatos de liga da Agrupación de Santiago en fútbol sala nas categorías prebenxamín e infantil e un campionato da I Liga de biberóns de fútbol-8. Todos os equipos de infantís para baixo están nas categorías máis altas ás que poden optar.

O seguinte premio foi para a mellor promesa feminina, Nadia Iglesias de Salvador. Nada no ano 1999, iniciou a súa traxectoria como deportista no 2004, na modalidade de patinaxe artística no Club de Patinaxe Compostela. Dende que no ano 2009 se proclamou campioa galega na categoría alevín, participou nos cinco últimos campionatos de España. Na actualidade é campioa galega na categoría cadete. Ademais, este ano quedou cuarta clasificada no campionato de España. Así mesmo, coa selección española de patinaxe artística participou no trofeo Prestige International Issy – Paris, onde se proclamou campioa, e na Copa de Europa, celebrada en Gujan Mestras (Francia), onde acadou a a cuarta posición. Dende o ano 2007 forma parte da selección da Federación Galega de Patinaxe no Plan de Tecnificación de Xoves Valores.

Premios ás mellores promesas
O primeiro galardón da noite foi para a mellor promesa masculina, Tariku Novales, atleta pertencente ao Club Atletismo Noia. Con só 15 anos xa foi varias veces campión galego en todas as categorías dende benxamín ata cadete en cross, en pista cuberta e en pista ao aire libre. O atleta amiense conseguiu este ano o subcampionato de España na proba de 3.000 metros lisos no campionato nacional cadete de atletismo, que tivo lugar na localidade catalá de Granollers. Tariku Novales realizou unha gran temporada durante o 2013. Ademais, foi campión de España coa selección galega cadete de cross, campión de España individual de cross cadete, medalla en todos os campionatos de España cadete da tempada 2013 e habitualmente vai convocado a concentracións Nacionais de Tecnificación.

A gala comezou cunha proxección dun vídeo sobre os deportistas e clubs deportivos premiados. Este acto estivo presidido polo alcalde de Ames, Santiago Amor, que estivo acompañado da concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, do concelleiro de Educación e Xuventude, Bernardo Moar, do concelleiro de Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, do xerente da Fundación Deporte Galego, Xabier Rico, do concelleiro de Deportes de Santiago de Compostela, Adrián Varela, e doutros concelleiros e concelleiras da corporación municipal. Ademais, o acto estivo apadriñado polo exciclista profesional Ezequiel Mosquera, que se encargou de entregar un dos premios.

A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, felicitou a todos os premiados e quixo destacar o esforzo de todos os pais e nais que son os que levan todos os días aos seus fillos ás instalacións onde practican deporte. A continuación o alcalde de Ames, Santiago Amor, felicitou aos premiados, así como o Milladoiro SD e ao Bertamiráns FC polo ascenso que conseguiron a temporada pasada á Liga Galega de infantís.

Santiago Amor incidiu en que “o deporte é un dos piares da xuventude amiense. Ademais, está demostrado que a práctica de deporte é beneficioso tanto para formarse como persoa como para a saúde. Dende o Concello de Ames ofrécese unha ampla variedade de deportes a través das escolas deportivas e as actividades para maiores. Unhas 900 persoas estás inscritas nas 13 modalidades deportivas que ofrece o Concello”. Por último o rexedor amiense explicou que o Concello de Ames está centrando o seu esforzo no deporte de base, xa que é onde está o futuro, e fomentando o deporte feminino.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames premia ao seus mellores deportistas e clubs na VIII Gala do Deporte"
La Voz de Galicia: "Ames reconoce la labor de sus deportistas y clubes en una emotiva gala en Bertamiráns"