Solapas principales

Comeza o curso de formación e competencias clave que se enmarca dentro do programa Ames Integra

Martes, 05 de noviembre de 2013

[05-11-2013] Este martes, 5 de novembro, púxose en marcha o primeiro curso que se enmarca dentro do programa Ames Integra. Trátase dun curso de formación en competencias clave que se desenvolverá ata o vindeiro 18 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro. Neste curso están participando un total de 15 alumnos/as. Ames Integra é un programa de formación e integración socio-laboral, que está dirixido á poboación inmigrante con baixa formación que reside no termo municipal amiense. Na inauguración do curso estiveron o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín. Ademais, o alumnado está asistindo a titorías individualizadas co obxectivo de prestarlles axuda na busca de emprego.

O Concello de Ames acaba de poñer en marcha un novo proxecto dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amiense. O programa Ames Integra, que está organizado en colaboración entre os departamentos de Benestar Social e Promoción Económica, marca unhas liñas estratéxicas que hai que seguir para mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos. A través deste proxecto estase intentando favorecer a inserción laboral deste colectivo.

Deste xeito, este martes pola mañá comezou un curso de formación e competencias clave que se enmarca dentro das accións postas en marcha a través do programa Ames Integra. Este curso vaise a impartir entre o 5 de novembro e o 18 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro. As clases impartiranse tres días á semana (martes, mércores e venres), en horario de 9:00 h a 13:00 horas. Neste curso están participando 15 alumnos/as que recibirán formación en lingua galega, lingua castelá, matemáticas, lingua inglesa, tecnoloxía e información dixital.

A través desta formación o alumnado vai preparar os exames en competencias clave. Este é o primeiro curso que se imparte dentro do programa Ames Integra. Neste momento tamén se está impartindo un obradoiro de lingua e cultura galega. Por outra banda, vaise impartir un apartado de formación específica na que se enmarca un curso para a obtención do carné de manipulador de alimentos. Ademais, o alumnado esta asistindo a titorías individualizadas co obxectivo de prestarlles axuda na busca de emprego.

Inauguración do curso
Na inauguración do curso estiveron o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín. Este curso, que está impartido pola empresa amiense Ames Formación, enmárcase dentro do Plan de Incursión da Xunta de Galicia. Así mesmo está cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar Social e polo Fondo Social Europeo.

A prioridade deste proxecto é impartir unhas accións formativas de base, que estean dirixidas á obtención das competencias clave. Tamén se lle prestará unha especial atención ó autoemprego xa que se postula como unha opción preferente dos colectivos con especial dificultades de inserción. Coa posta en marcha do programa Ames Integra preténdese incrementar a competencia en habilidades sociais e o coñecemento do entorno social que ten o colectivo emigrante en Ames.