Solapas principales

Os nenos do Setembro Lúdico participan na campaña "Ponlle as pilas ao teu bocata"

Martes, 10 de septiembre de 2013

[10-09-2013] Os nenos e nenas que participan no Setembro Lúdico participaron hoxe na campaña "Ponlle as pilas ao teu bocata" xestionada pola Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, en colaboración coas Consellerías de Educación e Sanidade e a agrupación empresarial ANFACO-CECOPESCA. Esta campaña pretende achegarlle aos nenos e nenas toda a información relacionada cos produtos do mar, coas conservas e coa correcta alimentación. Os nenos e nenas do Setembro Lúdico de Bertamiráns recibiron aos monitores/as da campaña este martes, ás 10:00 horas, mentres que os usuarios/as do Setembro Lúdico do Milladoiro participaron nesta iniciativa dende as 12:00 horas. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, achegouse ata o Setembro Lúdico para comprobar o desenvolvemento desta campaña de promoción dos produtos do mar. Con esta actividade ponse o punto e final a unha nova edición do Setembro Lúdico na que participaron 166 rapaces e rapazas.

Co obxectivo de promover os beneficios dunha dieta equilibrada entre os escolares e ao mesmo tempo dar a coñecer as múltiples virtudes e beneficios das conservas de produtos do mar, a Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coas Consellerías de Educación e Sanidade e a agrupación empresarial ANFACO-CECOPESCA, puxeron en marcha a campaña 'Ponlle as pilas ao teu bocata'.

Esta campaña fixo parada hoxe no concello de Ames. Os 166 nenos e nenas que participaron no Setembro Lúdico puideron coñecer máis polo miúdo a importancia nutritiva dos produtos do mar, o proceso de elaboración das conservas e as especias que se empregan na súa elaboración. En primeiro lugar, os usuarios/as do Setembro Lúdico de Bertamiráns e Milladoiro escoitaron unha explicación divertida sobre os beneficios dunha dieta equilibrada na que se inclúen os produtos do mar.

Ter unha dieta rica e equilibrada é fundamental para medrar. Os rapaces e rapazas aprenderon que levar unha alimentación axeitada, completa e variada achégalle a enerxía necesaria para poder facer o que máis lle gusta durante todo o día. Tras unha breve reflexión sobre os alimentos que os rapaces deben consumir para ter unha boa alimentación e sobre os produtos do mar en conserva, os nenos e nenas participaron en diferentes xogos como a carreira de relevos con latas de sardiñas.

Por último, os rapaces e rapazas puideron elaborar un bocadillo ao seu gusto. Os nenos e nenas puideron escoller diferentes produtos do mar en conserva coma atún en aceite, mexillóns en escabeche ou sardiñas pequenas enlatadas. Ademais, puideron completar os seus bocadillos con produtos frescos coma leituga, tomate, cenoria, cebola, olivas, queixo, etc.

A campaña 'Ponlle as pilas ao teu bocata' vense desenvolvendo dende o mes de agosto. Ata o de agora realizouse en campamentos de verán e en numerosas competicións deportivas. Unha vez comece o curso escolar a campaña seguirá desenvolverase nos colexios públicos de toda Galicia. Esta iniciativa consiste na realización dun obradoiro lúdico que os motive no consumo de produtos do mar en conservas, o seu interese polos peixes. Os nenos e nenas amienses dispuxeron de actividades informativas, xogos e, sobre todo, unha actividade de elaboración de bocatas a base de conservas.

A importancia dos produtos do mar
Os produtos que proveñen do mar son alimentos ricos en proteínas, materia graxa, vitaminas e sales minerais e se converten nun dos recursos alimentarios máis importantes por iso é conveniente que estes alimentos estean incluídos nas dietas dos rapaces e rapazas. O seu consumo resulta imprescindible para o desenvolvemento do corpo e o seu mellor funcionamento. En canto aos beneficios que aportan os produtos do mar, xa sexa polos seus valores vitamínicos ou minerais, destaca o seu labor de mineralizador dos osos, de instrumento de desenvolvemento do sistema nervioso e do crecemento corporal, de ordenador do desenvolvemento humano ao regular a síntese da hormona tiroidea, de mecanismo de transformación da materia graxa en enerxía e de regulador do sistema inmunolóxico.

Debido a todas as funcións beneficiosas que os produtos do mar teñen no corpo humano e a súa función principal como benefactor dun correcto crecemento e desenvolvemento de osos, tecidos e órganos, dende a Consellería do Medio Rural e do Mar preténdese impulsar o consumo destes produtos para todo a poboación galega pero, sobre todo, para os nenos e nenas que precisan dunha boa alimentación para crecer dun xeito o máis saudable posible. O escaso consumo de peixe entre os máis pequenos é preocupante polo que a Xunta de Galicia e os concellos galegos apostan polo establecemento destas campañas de promoción para incidir na necesidade de que os cativos e cativas galegos consuman alimentos que proveñen do mar para unha correcta dieta alimentaria.