Solapas principales

O grupo municipal de teatro de Ames estrea mañá a súa última produción “Véndese”

Jueves, 30 de mayo de 2013

[30-05-2013] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle mañá, ás 21:00 horas, o estreo da nova montaxe do grupo municipal de teatro de Ames. “Véndese” é o nome da última peza que preparou este grupo de teatro afeccionado, que naceu hai dez anos en forma dun obradoiro de interpretación. Esta representación enmárcase dentro da Clausura dos obradoiros culturais, que se está levando a cabo ao longo desta semana. Ademais, este venres 31 de maio, ás 18:30 horas, o obradoiro de teatro infantil representa na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra “A fábrica dos soños”.


Este venres, 31 de maio, o grupo municipal de teatro de Ames representará a súa última produción “Véndese” no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A actuación terá lugar a partir das 21:00 horas. As entradas para ver esta obra de teatro son gratis e poderanse adquirir ata completar aforo.

Despois de representar a obra do italiano Goldoni, indagar no absurdo da man do alemán Karl Valentín, atreverse con “Nunca nada de ninguén” da autora portuguesa Luísa Costa Gomes, representar a obra “O porvir está nos ovos”, de Eugéne Ionesco, e poñer en escena a comedia “O Médico a paus”, de Molière, agora o grupo municipal de teatro representa “Véndese”.

“Véndese” é unha adaptación feita por Mónica Camaño do texto “Segunda mano” de Dulce Chacón, unha das súas achegas teatrais alén da novela e da poesía. Nesta obra de teatro asistimos a un percorrido de homes e mulleres na procura de felicidades que poidan ser compradas e vendidas, un abano de vontades que insisten na solución mercantilista como resposta a un fatalismo adobiado de absurda ironía.

Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O vestiario e a escenografía correu a cargo dos propios actores e o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as cinco últimas montaxes do grupo. O elenco artístico está composto por Pablo de Prado, Maica Couto, Carmela Pardal, Emilia Mayo, Pilara Gómez, Pablo Nimo, Tati Duro, Carlos Labraña, Patricia Quintiá e Paz Romai.

Obradoiro de teatro infantil
Ademais, este venres 31 de maio, ás 18:30 horas, o obradoiro de teatro infantil representa na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra “A fábrica dos soños”. Esta peza de teatro trata sobre unha nena que visita a fábrica de soños, e con esta experiencia aprende que as cousas materiais non son importantes, que o realmente importante son as persoas que un ten ao seu carón e que lle queren. O elenco desta obra de teatro está composto por Ana García Otero, Ana Enriquez Lage, Ariadna Ebra González, M. Tiago Aresta Barbosa e Carla Novoa Ramos.