Solapas principales

A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación das obras de ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta

Miércoles, 08 de mayo de 2013

[08-05-2013] A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames vén de darlle luz verde á adxudicación das obras de ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta, na parroquia de Ames. Nestes traballos, incluídos no Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña e que levará a cabo a empresa Excavaciones Ovidio, investiranse máis de 50.800 euros.

A través deste proxecto de abastecemento de auga vaise mellorar a calidade do servizo que recibe actualmente o CEIP de Barouta e vaise ampliar o servizo a un gran número de veciños/as deste lugar da parroquia de Ames. O proxecto enmárcase dentro da planificación de abastecemento do Concello que ten como obxectivo acondicionar as redes secundarias da rede de saneamento e abastecemento municipal. O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliña que “con esta actuación mellorarase a rede de saneamento do Concello, ampliando o servizo a vivendas e á comunidade educativa e mellorando a súa calidade”.

Os traballos comezarán proximamente e, co obxectivo de coordinalos cos que se están levando a cabo na estrada Roxos-Portomouro, o rexedor amiense e a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, mantiveron o venres unha reunión con representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e con responsables das obras de mellora e acondicionamento da vía. A finalidade deste encontro foi coordinar os traballos que levará a cabo na zona o Concello de Ames para a ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta.

Características dos traballos
As obras que se acometerán no lugar de Barouta consisten na execución dunha canalización de polietileno de 2.320 metros de lonxitude, conectando o núcleo de Barouta dende a rede existente en Pedrouzos, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado.

O obxectivo destes traballos é continuar coa rede de abastecemento municipal nesta zona, para o que se contempla a utilización de 2.320 metros de canalización coa correspondente instalación de valvulería e arquetas de aloxamento. Finalmente, levarase a cabo a reposición do pavimento afectado pola execución das obras, semellante ao existente, así como o entronque á rede existente e probas hidráulicas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Apróbase a adxudicación das obras de ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta"