Solapas principales

Arredor de 350 deportistas participaron no IV campionato de patinaxe artística das Escolas deportivas do Concello de Ames

Lunes, 22 de abril de 2013

[22-04-2013] Este sábado pasado o pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu a cuarta edición do campionato de patinaxe artística que se celebra dentro do programa das Escolas deportivas do Concello de Ames. O IV encontro de patinaxe reuniu a 350 participantes pertencentes ás Escolas deportivas de Ames, Brión e La Salle. Tamén participaron o Club Patinaxe Alquimia, a Asociación Deportiva Liceo, Club Fontiñas e o Club Patín de Oroso. Houbo tres modalidades de competición (grupos show, individual e parellas artísticas). Ademais, houbo exhibicións individuais, de parellas e grupos a cargo de varios patinadores/as profesionais. O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación e Xuventude, Bernardo Moar, foron os encargados de realizar a entrega de premios ós gañadores/as.

O IV campionato de patinaxe artística das Escolas deportivas do Concello de Ames tivo un gran éxito de participación e de público. Foron moitos os veciños e veciñas que se achegaron ao longo de todo o día ata a localidade de Bertamiráns para ver este espectáculo. En moitos momentos da xornada, o pavillón rexistrou un cheo total. Nesta edición participaron arredor de 350 patinadores/as, das escolas deportivas de Ames, Brión e La Salle, así como do Club Patinaxe Alquimia, da Asociación Deportiva Liceo, do Club Fontiñas e do Club Patín de Oroso. A competición realizouse en tres modalidades distintas. Houbo coreografías de grupo, individuais e de parella.

Pola mañá competiron os patinadores e patinadoras participantes en bailes de grupo. Nesta modalidade participaron 11 grupos en dúas quendas. No primeiro nivel participaron os nenos e nenas de 7, 8, 9, 10, e 11 anos, mentres que no segundo nivel competiron os rapaces e rapazas de 12, 13, 14, 15 e 16 anos. Tamén houbo varias exhibicións. Primeiro actuaron as parellas de danza formadas por Alberto Artigas e Raquel Rodríguez (C.P. Alquimia) e David Salido e Irene Fernández (A.D. Liceo). Ao final da mañá foi a quenda dos patinadores e patinadoras do Club Fontiñas de Santiago de Compostela.

Pola tarde, desenvolvéronse as actuacións individuais e de parellas. Na modalidade individual participaron 25 nenos e nenas que tamén competiron en dúas categorías diferentes segundo a idade. No nivel 1 participaron os nenos e nenas de 7 e 8 anos, mentres que no nivel 2 competiron os rapaces e rapazas de 9 e 10 anos. Na modalidade de parellas participaron un total de 14 nenos e nenas. Ao igual que no caso anterior houbo dúas modalidades. No nivel 1 participaron os nenos e nenas de 7, 8, 9 e 10 anos, mentres que no nivel 2 competiron os rapaces e rapazas de 11, 12, 13 e 14 anos.

Ademais, houbo exhibicións individuais a cargo das patinadoras profesionais Paloma Cabirta e Nadia Iglesias; e de parellas a cargo de Paloma Cabirta e Brais Abad. A entrega de premios realizouse pola mañá, ás 13:30 h, e pola tarde, ás 20:30 horas. O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación e Xuventude, Bernardo Moar, foron os encargados de realizar a entrega de premios ós gañadores/as.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "IV campionato de patinaxe artística en Ames"