Solapas principales

O Concello de Ames elabora un plan de mellora da contratación administrativa municipal

Martes, 12 de marzo de 2013

[12-03-2013] O Concello de Ames vén de elaborar un plan de mellora da contratación administrativa municipal para todas as obras, servizos e subministros. Para a consecución deste plan de mellora dotarase ao departamento de contratación municipal de máis medios, así como duns aspectos complementarios como son o acceso á plataforma de contratación do estado, a adhesión ao perfil do contratante xestionado pola Xunta Consultiva de contratación administrativa a través da plataforma de contratación pública de Galicia, a promoción da máxima concorrencia nos procesos negociados, o análise da conveniencia de empregar a figura dos contratos marco e o establecemento dun modelo de contrato menor. Ademais, vaise elaborar un calendario semestral e farase un seguimento do plan para o seu cumprimento.

Este plan de mellora do servizo de contratación atópase encadrado dentro do Plan de Axuste 2012-2022, que foi aprobado en sesión plenaria o pasado 29 de marzo de 2012, e que ten por obxecto garantir a sostibilidade económica do Concello, ao contemplar unha serie de medidas que pretenden devolver ao equilibrio a situación financeira municipal. O departamento de contratación, despois de estar dirixido pola Intervención -en primeiro lugar- e pola Tesourería -en segundo lugar-, volverá a depender da Secretaría Xeral.

Para propiciar a consecución dos obxectivos programados os medios cos que viña contando o servizo de contratación serán reforzados. Así, este departamento foi xa trasladado á segunda planta da Casa do Concello, co fin de facilitar a súa integración dentro da Secretaría xeral. Afórrase con elo ademais a importante contía aboada mensualmente polo alugueiro do local onde se emprazaba o servizo, así como outros gastos de funcionamento asociados ao mesmo (limpeza, consumo enerxético, etc.).

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames elabora un plan de mellora da contratación administrativa municipal"