Solapas principales

Os veciños e veciñas de Ames poderán gozar dunha fin de semana chea de actividades

Viernes, 09 de noviembre de 2012

[09-11-2012] Produtos típicos do outono, como castañas e cogomelos, teatro, petiscos en 15 locais e compras en 40 comercios de Bertamiráns forman a completa oferta de actividades programada para este fin de semana polo Concello de Ames. Desde hoxe, e durante os vindeiros días, os veciños e veciñas amienses poderán gozar de variadas iniciativas coas que encher o seu tempo de lecer. O Magosto será o sábado ás 17,00 horas na Praza de Chavián.

Na xornada de hoxe, a Casa da Cultura de Bertamiráns será o escenario, ás 21,00 horas, no que se representará a obra Smoke City, que corre a cargo da compañía teatral Malasombra. As entradas poderán mercarse media hora antes do comezo da función. A peza teatral, que ten unha duración de 65 minutos, é obra de José Luis Prieto e está dirixida por Marcos Orsi. O elenco artístico está composto por Xoque Carbajal, Jouse García, Alberto Rolán e Ramón Orencio.

Este venres tamén da comezo a novidosa programación de actividades deseñada polo Concello de Ames para celebrar o Magosto, protagonizada polos cogomelos e as castañas. Deste xeito, a Aula da Natureza acollerá esta tarde, ás 19,30 horas, unha charla-coloquio sobre a iniciación aos cogomelos. Esta actividade, para a que xa hai 53 persoas inscritas, será impartida por Xaime González Ortega, profesor de secundaria e gran coñecedor do mundo dos cogomelos. Neste obradoiro impartiranse nocións sobre o que é un fungo; para coñecer o mundo dos fungos e diferenciar os distintos xéneros de cogomelos que existen; así como para saber os diversos usos que teñen tanto na alimentación como noutros eidos. Tamén se coñecerán as súas características morfolóxicas e se son comestibles ou tóxicos. Abordaranse aquelas especies que son consideradas máis significativas dentro dos cogomelos que se poden ver nos montes galegos.

Trala parte teórica o sábado pola mañá pasarase a acción. Deste xeito, desenvolverase unha saída micolóxica por distintas zonas da localidade de Bertamiráns. Polo momento, hai preto de 70 persoas inscritas para gozar desta saída. Faranse varios grupos co fin de non esquilmar só unha zona en concreto. Os participantes terán acceso a cogomelos que medran en diferentes puntos do monte amiense (en carballeiras, piñeirais...). Esta saída comezará arredor das 10:30 horas e terá unha duración aproximada de tres horas. Estableceuse como punto de saída a praza do Concello, en Bertamiráns. Para esta actividade non hai un límite de prazas. Xa pola tarde farase unha exposición de todos os cogomelos durante a festa do Magosto.

Petiscos e compras en Bertamiráns
Este venres tamén supón o punto de partida da Festa do comercio e o Roteiro dos petiscos, organizada polo Concello de Ames e a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) e que se desenvolverá ata o 18 de novembro nos locais de hostalería e comercios da localidade.

Esta iniciativa tivo moi boa acollida entre o sector comercial e hostaleiro amiense. Un total de 40 comercios participan na Festa do comercio e 15 locais hostaleiros conforman o Roteiro dos petiscos. A través destas iniciativas haberá importantes descontos nas tendas de Bertamiráns e poderase gozar dos petiscos que sirvan os bares desta mesma localidade. Con esta actuación preténdese impulsar o sector hostaleiro e comercial local.

Por unha banda, desenvolverase o Roteiro dos petiscos durante dúas fins de semana (os venres 9 e 16, os sábados 10 e 17 e os domingos 11 e 18 de novembro) nos locais Mesón de Mella, Don Budi, Val da Mahía, Bobber Café, Tropic Burguer, Cervecería New York, In Vino Veritas, Cafetería Ventos, Gonzaletxu Tapas Bar, Café Bar Plaza, La Bodeguilla, Cervecería Estela, A Charca Café Bar, Parada 8 e Cafetería Paseo. Os petiscos presentados ao concurso serán servidos de forma gratuíta. Os establecementos participantes deberán servir os petiscos, como mínimo, entre as 13:00 h. e as 15:00 horas, e entre as 20:30 h. e as 23:30 horas. Ademais, desenvolverase a Festa do comercio dende o venres 9 ata o sábado 17, de xeito ininterrompido, en 40 comercios e establecementos de Bertamiráns.

O obxectivo desta actividade é dar a coñecer o comercio desta localidade, que ofrecerá descontos e promocións especiais durante eses días. Por cada compra que se realice nestes comercios os clientes terán a oportunidade de participar no sorteo de agasallos. Haberá que cumprimentar un cupón cos datos persoais de cada persoa que realice unha compra e a continuación depositalo nos buzóns habilitados para tal fin en cada comercio.

Os comercios e establecementos que participan na Festa do Comercio son Cousas da Terra, La Cesta Natural, Yoigo, Perfumería Jazmín, Ámbito Multiespacio, Territorio Tejano, A Solaina das grandes mulleres, Lolita Moda, Carnicería Corzán, Queens, Patagonia, Organza Decoración, Calzados Miranda, Doopy´s Moda, Haldeta Moda, Núa Moda e Complementos, Carola Moda, SanLuis Óptico, Asador Bidueiro, Ropa de rebajas.com, Calzamoda Romeu, Duende Azul, A Tenda de Fraber, Tenda R, Coket@s, Óptica Enríquez, Óptica Hermo, Ortopedia Hermo, Vainilla & Chocolate Clothing, Mica, Modas Marlo Lencería, Eva Hogar, Blanco & Negro, Susana Bello Peluquería, Panadería Xallas, Carnicería Suso, Milar Reyca, Coren Grill, Zapatería Tris-Tras e Óptica Zaera.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os veciños de Ames poderán gozar dunha fin de semana chea de actividades"