Solapas principales

Un numeroso grupo de amienses participaron este domingo na III Andaina Concello de Ames pola ruta de Riamontes

Domingo, 28 de octubre de 2012

[28-10-2012] O sol e o bo tempo acompañaron aos amienses que participaron este domingo na III Andaina Concello de Ames pola ruta de Riamontes, que estivo organizada pola concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza. Os camiñantes percorreron sete quilómetros andando polos arredores do regato e dos muíños que hai no seu contorno. Esta ruta é circular, polo que arrincou e rematou na aldea do Vilar, pertencente á parroquia de Ames. Na metade da andaina, os participantes fixeron un pequeno descanso no Alto de San de Marcos onde puideron gozar dunha panorámica do Val da Maía. A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, non quixo perderse esta actividade e realizou a andaina completa.


A boa climatoloxía deste domingo aumentou, se cabe, a beleza de todo o contorno ambiental que rodea a ruta de Riamontes. Xunto coa beleza do lugar, as ganas de estar en contacto co medio natural, foi tamén un aliciente para que un numeroso grupo de amienses, dentro dunha ampla franxa de idade, contando con nenos, adolescentes e adultos, se decidiran a compartir esta xornada tan agradable.

A ruta comezou na aldea de Vilar, pertencente á parroquia de Ames, onde os participantes recibiron unha pequena explicación sobre a flora e fauna que puideron ver ao longo da andaina. O primeiro tramo do percorrido transcorreu por un vello camiño entre prados e árbores froiteiras no que se puido contemplar unha paisaxe tipicamente rural. De seguido continuaron camiñando polo tramo pegado ao rego de Riamontes, facendo unha parada para ver os muíños que existen nesta zona. Os camiñantes comezaron o ascenso á par do rego, onde os muíños se van sucedendo de xeito encadeado. Ademais, o río baixa en forma de cascada, aumentando de xeito considerable a súa beleza.


Os muíños da ruta de Riamontes
Os 11 muíños da ruta de Riamontes, que se atopan en diferente estado de conservación, gardan entre os seus muros unha infinidade de historias das muiñadas de outrora. Continuando o ascenso, os camiñantes pasaron pola poza onde se encoraba a auga durante o verán para o funcionamento dos muíños. Hoxe nesta poza pódese observar unha gran cantidade de anfibios e moitas pegadas de animais que se achegan ata ela para beber. Nesta parte da ruta tamén se poden ver especies pouco coñecidas, pero de alto valor biolóxico, coma os distintos tipos de hipéricos, que medran protexidos baixo a sombra de bidueiros, freixos e carballos.

Nesta ruta hai instalados diversos paneis interpretativos que lle axudan ao camiñante a guiarse e descubrir os tesouros que se agochan neste espazo. No panel informativo deste tramo pódese encontrar diferentes especies como plecópteros e tricópteros, todas indicadoras da existencia de augas limpas, e que demostran a riqueza e calidade natural deste medio natural.


Dende a poza, os camiñantes comezaron o ascenso ao alto de San Marcos, que se atopa a 260 metros sobre o nivel del mar. Ascendendo entre plantacións de matogueiras e eucaliptais, os participantes chegaron ao miradoiro de San Marcos. Dende alí, todos puideron gozar coas impresionantes vistas do Val de Maía, así como do río Tambre, que este lugar ofrece. Así, no alto do mesmo tamén se poden encontrar as ruínas da Ermida de San Marcos.

Este foi o momento idóneo para repoñer forzas, xa que tralo descanso comezou o descenso e a volta de novo ao lugar de Vilar. Nesta ocasión, os camiñantes foron coñecendo diferentes especies da flora da ruta de Riamontes. O final da ruta chegou de novo no Vilar, que puxo o broche e final a unha xornada destacable polo bo tempo e o bo ambiente entre todas as persoas participantes.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un numeroso grupo de amienses participaron este domingo na III Andaina Concello de Ames"