[25-10-2012] Todas as familias con bebés e nenos/as de ata 3 anos poden participar no Encontro dos Axóuxeres o domingo 28 de outubro, ás 18:30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Esta é unha actividade organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística, na que se oferta unha hora de música e palabras, co obxectivo de promover a transmisión interxeracional da lingua galega. Tamén se pretende recuperar a tradición de contar contos na nosa lingua e cantarlle en galego aos máis pequenos. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente chamando ao número de teléfono 637 179 304. Terán preferencia as persoas inscritas previamente, pero tamén se admitirá a todas aquelas familias que se acheguen o día da función, sempre e cando non se complete o aforo xa que é limitado. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar o dossier do programa Axóuxeres 2012.
Unha hora de música e palabras, así é como se define esta actividade. Todas as familias con bebés e nenos/as de ata 3 anos poden achegarse este domingo 28 de outubro, ás 18:30 horas, ata o Pazo da Peregrina para gozar dun dos Encontros teatrais, que está encadrado dentro do programa Axóuxeres 2012. Este programa está organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.
Os Encontros dos Axóuxeres é un espectáculo para os cativos e para toda a familia. Axóuxeres é a primeira viaxe polas palabras para os máis pequenos da casa. O programa dos Axóuxeres volve ben cargado de sorpresas. Novos personaxes, novas cancións, novos xogos… para que os máis pequenos da casa gocen coa lingua galega.
Os Axóuxeres na televisión e na Internet
Este ano, os Axóuxeres non serán só un espectáculo para cativos e familias, senón que tamén se poderán ver na tele, no cine, na internet e nos móbiles. Convértense nun proxecto transmedia para estarán presentes en todos os espazos onde as novas xeracións –mamás e papás novos cos seus cativos- se divirten e se relacionan.
Os Axóuxeres é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere axudar os pais e nais a manter a cadea de transmisión da lingua galega, ofrecéndolles espazos de lecer para a familia na nosa lingua e ferramentas para aprender, cantar e xogar en galego cos fillos.
Ademais, nesta edición os Axóuxeres veñen da man de novos personaxes, unha divertida familia de monecos que vive encol dunha mesa no dormitorio dun neno. Da man de Lúa, Antón, Iria, Xan, Pelouro, Moncho e R01 as familias pararán un anaco moi entretido cantando e escoitando contos.
A entrada para participar nesta actividade é de balde, pero hai que facer a reserva chamando ao número de teléfono 637 179 304. O horario de atención para facer as reservas é de luns a venres, de 9:00 h. a 16:00 horas. Terán preferencia as persoas inscritas previamente, pero tamén se admitirá a todas aquelas familias que se acheguen o día da función, sempre e cando non se complete o aforo xa que é limitado. Pódese atopar máis información e o calendario completo de actividades na páxina web dos Axóuxeres: http://www.xunta.es/linguagalega/os_axouxeres_2012 e nas redes sociais: www.facebook.com/axouxeres - www.twitter.com/OsAxouxeres
En definitiva, trátase dunha actividade para toda a familia na que se aprende gozando, asemade de espertar as sensacións dos máis cativos. Unha actividade cos obxectivos de promover a transmisión interxeracional da lingua e de recuperar a tradición de contar e cantar en galego aos máis cativos.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Santiago, Teo y Bertamiráns acogen este fin de semana un Encontro dos Axóuxeres"
La Voz de Galicia: "Agotadas las entradas para los Encontros dos Axóuxeres de Santiago, Teo y Bertamiráns"
El Correo Gallego: "O Pazo da Peregrina acolle este domingo o Encontro dos Axóuxeres"




