Solapas principales

O Concello de Ames conmemora o Día de Rosalía cunha lectura de poemas da escritora galega

Viernes, 24 de febrero de 2012

[24-02-2012] O Concello de Ames conmemorou esta mañá o Día de Rosalía de Castro coa lectura pública de varios poemas escritos e dedicados a escritora galega. O 24 de febreiro celébrase o nacemento de Rosalía de Castro. Este ano conmemorase o 175 aniversario do nacemento da escritora galega. No acto de lectura por parte do goberno municipal interviñeron o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González, o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, e o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro. Por parte do grupo municipal socialista participaron as concelleiras Patricia Conde e Isabel González, mentres que por parte do grupo municipal nacionalista interviñeron Pilar Candocia e Susana Mayo. O pleno aprobou por unanimidade este xoves unha declaración institucional de recoñecemento do 24 de febreiro como Día de Rosalía no Concello de Ames. Premendo nos arquivos de audio que están ao final desta nova poderás escoitar os poemas que leron os concelleiros e concelleiras da corporación municipal.


O Concello de Ames instaurou o 24 de febreiro como o Día de Rosalía. Este xoves, 23 de febreiro, o pleno aprobou por unanimidade unha declaración institucional de recoñecemento do 24 de febreiro como Día de Rosalía no Concello de Ames. A moción ten o obxectivo de impulsar desde o Concello de Ames a proxección do patrimonio literario de Rosalía de Castro cun "singular protagonismo" pola vinculación da escritora con Ames. O acordo compromete ao Concello a promover a difusión do legado da escritora, nomeadamente entre a cidadanía amesá e, con carácter xeral, en Galicia e fóra da comunidade.

Cada 24 de febreiro o Concello de Ames organizará diversas actividades divulgativas. Así, realizarase unha lectura pública da obra rosaliana con especial protagonismo do alumnado e anualmente implicarase aos centros de ensino municipais, asociacións culturais e veciñais na conmemoración das efemérides rosalianas e no coñecemento dos lugares da contorna relacionados coa escritora. Impulsarase ademais a organización de rutas e promoverase a articulación dunha rede informal de concellos rosalianos para o desenvolvemento de iniciativas comúns.

Do mesmo xeito, mellorarase a sinalética vinculada a Rosalía de Castro coa construción dun espazo de referencia que faga visible a vocación rosaliana de Ames. O Concello de Ames avaliará a posibilidade de estar representado a nivel institucional no Padroado da Fundación Rosalía. Neste sentido, o alcalde de Ames, Santiago Amor, anunciou que xa se iniciaron contactos cos responsables da Fundación para establecer futuras liñas de colaboración.  Premendo nos arquivos de audio que están a continuación poderás escoitar os poemas que leron os concelleiros e concelleiras da corporación municipal.