Solapas principales

Os Reis Magos convocan o concurso de Cartas de Nadal en Ames

Martes, 06 de diciembre de 2011

[06-12-2011] Os Reis Magos de Oriente poñen en marcha o V Concurso de Cartas de Nadal en Ames. Os nenos e nenas que queiran participar neste concurso deberán depositar as súas cartas ata o 19 de decembro nas caixas de correo real situadas nas bibliotecas municipais, nas casas da cultura e na Casa do Concello. Establécese tres categorías; educación infantil, primeiro ciclo de primaria (1º e 2º de primaria); e segundo ciclo de primaria (3º e 4º de primaria). O xurado valorará a creatividade, tanto do texto coma da decoración, e a adecuación ao tema proposto. Os premios entregaranos os propios Reis Magos, o día 5 de xaneiro, na cabalgata real.

Os Reis Magos, ante o éxito de anteriores certames, convocan o V Concurso de Cartas de Nadal para os pequenos e pequenas de Ames. As súas maxestades animan aos cativos e cativas a enviarlles as súas composicións en galego. No comunicado que a Casa Real de Oriente remitiu ao Concello de Ames, animan os nenos e nenas amesáns a participar e agradecen tamén a colaboración dos pais, nais, irmáns, avós, mestres....

Para participar no concurso as cartas deben estar escritas en galego
 
As cartas que os rapaces envíen para participar no concurso deben estar en galego. O xurado, nomeado polo Concello de Ames e pola Casa Real de Oriente, valorará tanto o texto como a decoración da propia carta e a adecuación ao tema proposto.

Os magos enviaranlles nunha carta un pequeno agasallo a todos os nenos e nenas que participen no concurso

É moi importante que nas cartas dos nenos apareza moi clariño o seu enderezo postal xa que os magos vanlles enviar unha carta resposta a cada un dos nenos participantes no concurso. Esa carta levará tamén un pequeno agasallo para todos os participantes.

O concurso conta con tres categorías: educación infantil, primeiro ciclo de primaria (1º e 2º) e segundo ciclo de primaria (3º e 4º). En cada categoría estabeleceranse dous premios. Estes serán entregados polos Reis Magos en persoa na cabalgata do día 5 de xaneiro.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames convoca el quinto concurso de redacción de cartas a los Reyes Magos"