Solapas principales

Os veciños e veciñas de Ames poderán gozar dunha ampla programación teatral durante o último trimestre do ano

Viernes, 07 de octubre de 2011

[07-10-2011] A Concellaría de Cultura xa ten pechada a programación teatral do último trimestre deste ano. A veciñanza amiense poderá gozar de 11 representacións teatrais durante os meses de outubro, novembro e decembro. Esta programación está repartida entre Bertamiráns e O Milladoiro. Ademais está pensada tanto para o público infantil como adulto. Deste xeito catro representacións teatrais estarán dirixidas ao público infantil, cinco están pensadas para público infantil e dúas para todos os públicos. Esta programación está incluída dentro das obras de teatro que ofrece a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Ao mesmo tempo o Concello de Ames forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o que permite traer a Ames obras de teatro de gran calidade e sona. Durante o período estival suspendéronse este tipo de actividades. Agora co comezo do outono vólvense a retomar.

O Concello de Ames ofrece a toda a veciñanza amiense unha ampla programación cultural para todos os públicos. Todas as fins de semana organízanse numerosas actividades nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A estas actividades tamén se suman en moitas ocasións varias exposicións de pintura ou outro tipo de artes que normalmente se poden visitar no Pazo da Peregrina. Co obxectivo de ampliar esta programación o Concello de Ames forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Deste xeito, a Concellaría de Cultura xa ten pechada a programación de teatro para o último trimestre deste ano. Durante os meses de outubro, novembro e decembro a veciñanza amiense poderá gozar de once representacións repartidas entre a Casa da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns. Esta programación está pensada tanto para o público infantil como para as persoas adultas. Ademais, durante a época de Nadal haberá tres representacións teatrais para entreter a veciñanza amiense nesta época na que moitas persoas collen uns días de vacacións.

A programación de teatro comezou o pasado 30 de setembro coa representación de Memorias das memorias dun neno labrego, un monólogo escénico-narrativo co que a compañía Abrapalabra rende homenaxe ao emblemático libro de Xosé Neira Vilas cando se fan 50 anos da súa publicación. Esta obra foi representada na Casa da Cultura de Bertamiráns e estivo dirixida ao público adulto.

A programación teatral continua coa obra infantil Oh qué bonito é Pánama!, unha adaptación dun conto infantil de Janosch levada a cabo por Panamesiana Teatro. Unha obra que será representada este domingo 9 de outubro, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O luns 10 de outubro haberá unha sesión escolar desta mesma obra de teatro. Arredor de 120 nenos/as poderán gozar dun pase especial ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Do CEIP Agro do Muíño asistirán 100 nenos/as de primeiro e segundo de primaria, mentres do CEIP de Barouta asistirán 20 rapaces e rapazas de segundo de primaria.

Para o 14 de outubro queda a obra Pisados. Botomán de Melide, o home que falaba cos zapatos, representada pola compañía Áncora Produccións. Esta compañía leva vinte anos trasladándolle ao público a súa creatividade e bo facer. Creada por Gustavo Pernas Cora e Ánxela G. Abalo, recibiu en 2008 o premio Roberto Vidal Bolaño pola súa traxectoria teatral. O montaxe que agora presentan está protagonizado por Botamán de Melide, que sopra follas no outono e aprendeu linguas polos pés, ao paso dos peregrinos do Camiño de Santiago. Máis tarde descubriu, entre as follas do chan, a lingua secreta dos pisados. Deste xeito, é capaz de falar cos zapatos e dille ao público o que calan as bocas e gardan os pés. Pero hai forzas vivas que queren impedirllo... Esta peza teatral será representa na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 14 de outubro ás 21:00 horas.

O teatro infantil volve á Casa da Cultura do Milladoiro da man da compañía Teatro del Andamio que representará o domingo 23 de outubro, ás 17:00 horas, a obra A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz, un espectáculo de actores e obxectos que narra a verdadeira historia dos tres porquiños... mellor dito, dos dous porquiños e a súa irmá, una porquiña moderna, intelixente e loitadora. Unha visión actual que defende dous principios fundamentais: a igualdade e a solidaridade. Esta función tamén terá dous pases, un para o público infantil en xeral e outra para o alumnado amiense. A sesión escolar terá lugar o luns 24 de outubro, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura de Milladoiro.

A programación do mes de outubro pecharase coa obra 'Unha hora na vida de Stefan Zweig' da compañía Lagarta, Lagarta. Será o venres 28 de outubro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Dirixida por Rosa Álvarez e protagonizada por Ernesto Chao, Belén Constenla e César Cambeiro, o espectáculo introduce ao público nun día e nunha hora moi especial para o matrimonio Zweig, Stefan e Lotte, que manterá en vilo ao espectador sobre o que en realidade sucedeu na vida do gran escritor, ou no que puido suceder.

Programación teatral para decembro

No mes de decembro a programación teatral comezará ao grande xa que a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a representación da última obra da compañía Eme2, O florido pénsil, que conta cun elenco de luxo. 'O florido pénsil' está dirixida por Fernando Bernués e Mireia Gabilondo, vinculados á compañía vasca Tantakka Teatroa e interpretada polos actores Xosé Manuel Olveira 'Pico', Antonio Durán 'Morris', Federico Pérez, Josito Porto e Alfonso Agra. Trátase dunha obra que adapta o texto orixinal de Andrés Sopeña acerca da educación no franquismo en clave humorística. A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) é o principal impulsor desta adaptación ao contexto galego da obra, estreada en 1996 en castelán, con posteriores versións en euskera e catalán, e que suman máis de 3.000 representacións en total.

Para a época de Nadal hai tres representacións. A compañía As Dríadas representará a obra IN-NOVA, Danza Moderna e Hip-Hop. As Dríadas innovan un espectáculo de fusións no que o hip-hop, new estyle e a danza moderna son os protagonistas. Complementado con outros estilos, este espectáculo pretende expresar a liberdade e a espontaneidade da xuventude. Este espectáculo será representado na Casa da Cultura do Milladoiro o luns 26 de decembro, ás 17:00 horas, e o xoves 29 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta obra está pensada para todos os públicos.

Entre estas dúas representacións a compañía Teatro del Andamio volverá a levar o teatro infantil á Casa da Cultura de Bertamiráns. O martes 27 de decembro, ás 17:00 horas, representará a peza Area e auga. Hai xente que bebe arena, pero non porque lles guste, senón porque nunca probaron a auga. ¿Que se conta? O que lle pasa a catro persoas que viven a cada lado dunha parede e un día empezan a vincularse cos seus veciños. ¿Que se rescata? O valor de vencer o medo, as situacións novas e descoñecidas ás que nos enfrontamos a diario.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Os veciños de Ames poderán gozar dunha ampla programación teatral"