Solapas principales

Volve ofrecerse o servizo de Aula Aberta na Aula de Informática do Milladoiro

Sábado, 17 de septiembre de 2011

[17-09-2011] Despois dun mes de descanso, a Aula de Informática do Milladoiro retomou o día 15 de setembro o servizo de Aula Aberta, que se ofrece en horario de 16:00 h. a 20:00 horas. Para poder empregar este servizo só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o carné de usuario/a. En novembro comezarán a desenvolverse os novos cursos que se enmarcan dentro da programación do último trimestre do ano. Durante o primeiro semestre de 2011 realizáronse oito cursos e obradoiros aos que asistiron 116 persoas. Ademais, dende xaneiro ata xuño déronse de alta 55 novos socios e a Aula de informática rexistrou a visita de 1.555 usuarios/as.

Despois dun mes de descanso, a Aula de Informática do Milladoiro retomou o 15 de setembro as actividades como Aula Aberta, nun horario de 16:00h. A 20:00 horas. Esta iniciativa consiste en deixar a aula de informática libre para todas aquelas persoas que queiran usar os computadores, tanto para buscar información como para calquera outra utilidade, sempre cunha persoa encargada, tanto para resolver as dúbidas que puideran ter o/as usuarios/as como para solucionar as incidencias que poidan xurdir.

Á Aula Aberta acoden adultos e maiores que acceden á Internet para ler a prensa, mirar o correo electrónico, entrar nas redes sociais ou buscar información puntual como pode ser para a preparación dunha viaxe. Para poder empregar o servizo de Aula Aberta só hai que cubrir unha ficha cos datos persoais e entregar unha fotografía coa que facer o carné de usuario. A persoa encargada da aula dálles un número de usuario/a e explícalles as normas. Calquera dúbida poden consultarlla á persoa responsable. Tamén poden acudir usuarios cos seus ordenadores portátiles persoais a resolver as dúbidas que teñan no manexo da informática. Ademais a Aula de Informática acolleu durante o primeiro semestre (agás nos meses de verán) unha serie de obradoiros e xornadas destinados a sectores poboacionais establecidos por idade.

Inicio en novembro dos novos cursos

Nestes intres estase a desenvolver o novo programa de actividades que dará comezo en novembro. Polo de agora, están aprobadas dúas actividades que se desenvolverán nos meses de novembro e decembro respectivamente. Unha será dirixida a maiores de 18 anos, e a outra para nenos e nenas de entre os 5 e os 8 anos de idade. En total ofertaranse 30 prazas: 20 para o de novembro, en dúas quendas diferentes, e 10 para o de decembro.

Datos xerais

A Aula de Informática do Milladoiro suma xa 1.302 socios, dos cales 55 foron novas altas que se produciron ao longo do primeiro semestre deste pasado. Ademais, de xaneiro a xullo, un total de 1.555 persoas empregaron a aula para as súas necesidades informáticas. Se temos en conta o número de usuarios/as contabilizados durante o 2011 xa se superan os 31.000 usuarios/as que empregaron a Aula de Informática do Milladoiro dende que comezou a funcionar no ano 2003. Ademais, dende que comezou a funcionar este servizo, un total de 1.143 persoas asistiron aos cursos e xornadas organizadas.