Solapas principales

O Concello de Ames modifica o modelo de xestión do obradoiro de baile tradicional, gaita e percusión para sacarlle maior rendibilidade

Sábado, 13 de agosto de 2011

[13-08-2011] O Concello de Ames firmará un convenio con asociacións municipais para que xestionen o obradoiro de baile tradicional, gaita e percusión de tal forma que este obradoiro se imparta en mellores condicións que en anos anteriores. Outra das novidades é que o custe da actividade terá unha pequena suba. Cando se crearon estes obradoiros a intención era que se camiñase cara ao autofinanciamento dos mesmos, deste xeito, e coa suba que experimentarán este ano, daráselle cumprimento ao que figura nas bases dos obradoiros.

Coa modificación do sistema de xestión dos obradoiros búscase que o servizo se preste en mellores condicións que anteriormente, así coma unha maior eficiencia económica. A empresa que xestionaba ata o de agora as clases de baile, gaita e percusión facturou 25.382 euros dende outubro de 2010 a maio de 2011, polo que esta actividade lle saía ao concello en 173,6 euros por persoa. Polo tanto ata o de agora o Concello poñendo a cantidade de 141,6 euros por alumno, gastou 21.097 euros, mentres que os 134 asistentes ao obradoiro aportaron 4.288 euros. O déficit que soportaba o concello con esta actividade era de máis de 20.000 euros. Co convenio que vai firmar o concello aforraranse como mínimo 7.000 euros.

O concelleiro de Cultura, Alfonso Rey, explica que "non se trata en ningún caso de privatizar o servizo senón de ofertar un servizo dun xeito máis rendible e máis útil para os cidadáns amienses". Alfonso Rey achaca que co anterior sistema os obradoiros non foron capaces de dotar ao Concello de Ames dun grupo municipal de gaitas que puidera actuar en actos e festas do municipio. O que se pretende agora é que as persoas que acudan a este servizo poidan formar un grupo que actúe en diferentes eventos municipais se así o desexan.

Alfonso Rey aclara ademais que non se elimina o servizo senón que se muda o modelo de xestión, esta iniciativa enmárcase dentro dunha serie de medidas que se están adoptando dende a Administración local como é o caso do cambio dunha nave industrial que se empregaba no Milladoiro para o uso deportivo, pola reubicación dos clubs e equipos en instalacións mellor acondicionadas para a práctica do deporte e cun custe moi reducido para o Concello.

Neste obradoiro seguirase impartindo baile tradicional, gaita e percusión coma se viña facendo ata o de agora.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames subirá las tasas de los cursos de baile y gaita, que impartirán las asociaciones"
El Correo Gallego: "Convenio y subida para los talleres enxebres de Ames"