[13-04-2011] Todas as persoas que desexen participar na oitava edición do Certame Literario Concello de Ames deben darse présa porque o día 14 de abril remata o prazo para presentar os traballos. Os gañadores coñeceranse o 13 de maio de 2011 e os premios entregaranse o 17 de maio, Día da Letras Galegas, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta edición do concurso amiense volve a contar con persoas destacadas pola súa traxectoria no mundo literario que serán as encargadas de avaliar os traballos. Antía Otero Rodríguez, Mariña Pérez Rei e Armando Requeixo Cuba decidirán os gañadores de cada unha das categorías.
O Certame Literario Concello de Ames xa se converteu nun concurso de referencia dentro do mundo da poesía e narrativa de Galicia. Dirixido a todos os e as amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, este concurso é xa un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen medir a súa capacidade para escribir e os límites da súa imaxinación.
A oitava edición deste concurso desexa presentar formalmente aos membros que compoñerán o seu xurado oficial. Un ano máis varios profesionais do mundo da escrita avaliarán todos os textos recibidos para as categorías de narrativa e poesía elevando aínda máis o alto nivel co que goza o certame.
Profesionais con experiencia
Antía Otero Rodríguez é a primeira das compoñente deste xurado. Licenciada en Historia da Arte pola USC, é a Vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a persoa elixida por este organismo para valorar aos participantes. Ademais, compaxina a súa devoción pola literatura coa súa faceta de actriz. Neste 2010 vén de publicar a obra (Retro)visor na editorial Xerais.
Mariña Pérez Rei, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Hispánica e veciña de Ames, ocupará outra das cadeiras no seu papel avaliador. Ademais de traballar como profesora en Brión, Pérez Rei publicou varias obras de narrativa e poesía que lle serviron para gañar varios recoñecementos como o premio Eusebio Lorenzo Baleirón polo seu primeiro poemario.
O trío de ases queda completo coa figura de Armando Requeixo Cuba destacado crítico, investigador e tradutor literario. Desta forma, o certame conta con profesionais que porán a súa experiencia a disposición dos traballos recibidos.
En representación do Concello de Ames, actuará como secretaria, con voz e sen voto, a técnica de normalización lingüística Rosa Moreiras. A Administración local fai públicos estes nomes con anticipación á emisión do ditame final tal e como aparece recollido nas bases do concurso.
Categorías e premios
Repetindo o sistema de anos anteriores son tres as categorías existentes en cada modalidade do certame, tanto en narrativa como en poesía. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces de 14 a 18 anos e a terceira ás persoas de máis 18 anos.
Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 120 euros, 90 euros e 60 euros na primeira categoría; 150 euros, 120 euros e 90 euros na segunda; e 210 euros, 150 euros e 120 euros na terceira. Os gañadores destas categorías anunciaranse publicamente o 13 de maio e os premios entregaranse o 17 de maio, nun acto público, que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.
Ademais, o Concello de Ames, en colaboración con Feiraco, empresa patrocinadora do certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto sen apercibimento de dereitos de autor e compensando aos autores con tres exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar, a posteriori, os textos en formato dixital, e se os autores publican pola súa conta un dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame.




